Currás: ''Non cheguei ambicionando ser alcalde nin ambiciono seguir no poder''

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, que onte anunciou que deixará o cargo e que o substituirá o conselleiro Agustín Hernández, non aclarou se deixará a acta de concelleira xa que estará "onde me necesiten", pero insistiu en que non chegou con "ambición" ao cargo nin ambiciona "seguir no poder".

Nunha entrevista na Cadena Ser en Galicia, Ángel Currás explicou a súa decisión de deixar a Alcaldía e admitiu que se coñecese cando accedeu ao cargo, en abril de 2012 tras relevar a Gerardo Conde Roa, os problemas polos que pasaría o Concello durante a súa xestión "escapoume".

Currás calculou que o proceso para que o conselleiro de Medio Ambiente, último da lista coa que o PP concorreu aos comicios municipais, acceda ao Concello e logo Alcaldía durará "dúas semanas, non creo que máis, como moito vinte días".

Previamente será necesario convocar un pleno para formalizar a renuncia de oito dos nove concelleiros -un xa o fixo-, e remitirase o acordo á Xunta Electoral Central coa proposta dos novos edís e os que renuncian.

Cando este órgano remita as credenciais, convocarase un novo pleno para a toma de posesión e outro de renuncia do alcalde e toma de posesión do seu substituto.

Ángel Currás tamén subliñou este mediodía que non tivo tempo de pensar no que fará agora, algo que terá que "madurar" coa súa familia e, sobre se non cre que sería estraño pasar a ser concelleiro logo de estar na alcaldía, sinalou que estará "onde me necesiten e onde poida achegar algo".

A este respecto, manifestou que o futuro alcalde pode necesitar "cousas de min ou non" pero "eu dixen sempre que non cheguei ambicionando ser alcalde e, por suposto, tampouco ambiciono seguir no poder".

O alcalde, que esta mañá se escondeu da prensa que lle esperaba porta da Alcaldía, ao saír por unha porta lateral, afirmou nesta emisora que o presidente do PP galego e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "agradeceume a decisión", que foi "madurada, libre" e debatida desde hai tempo coa súa familia.

"É desas decisións que se toman en dous ou tres minutos, pero creo que era o prudente e o conveniente para esta cidade", dixo Currás, quen recordou que tras a dimisión dos edís púxose de forma "urxente" a articular un novo goberno.

O equipo estaba "pechado" o pasado xoves, pero logo mantivo algunhas reunións "a distintos niveis e fomos avanzando unha situación que me parecía máis correcta e coherente e tomouse onte".

Negou que se lle ofrecera algo coa súa marcha: "Eu nunca pido nada".

O alcalde, a preguntas de se se podería imaxinar cando asumiu a alcaldía como ía terminar a situación, resaltou: "Se naquel momento me puxesen un vídeo do que ía pasar, evidentemente escaparía. Dígoo sinceramente, porque o tempo de descanso e tranquilidade" no Concello só durou cinco meses.

Despois comezou unha "escalada complexa de problemas, inquietudes, sobresaltos, algo que un día recordarei doutro xeito, pero nestes momentos é unha laxa terrible e un peso que, indubidablemente, amarga".

Consultado por se considera que a súa imaxe quedou deteriorada, Currás opinou que o tempo "pon a cada un no seu sitio" e considerou que no plano xudicial "porame no lado que me corresponde".

Dobremente imputado na operación Pokemon e nun caso de acoso a un policía, Currás asegurou que todos os que o coñecen "saben que nin o alcalde é un prevaricador nin un acosador; e os que non me coñecen, saberano, porque a xustiza é lenta pero indubidablemente resolve".

Comentarios