Currás insiste: ''Non se cometeron irregularidades''

O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás (PPdeG), preferiu ser "moi prudente" con respecto á situación da portavoz do Partido Popular (PP), Paula Prado, posto que "nin tan sequera está imputada" na Operación Pokemon que investiga unha presunta trama de corrupción.

O rexedor compostelán, a preguntas dos informadores nun acto celebrado no Consorcio de Santiago, reiterou que a condición procesual de Prado é como testemuña, polo que hai que esperar a coñecer o alcance exacto das investigacións e a documentación.

Neste sentido pronunciouse un día despois de que transcendese que a titular do xulgado de instrución número un de Lugo, Pilar de Lara, está a intentar solicitar información sobre o marido de Prado, por se se incorreu na presunta comisión dos delitos de tráfico de influencias e falsidade documental

Así, indicou que a investigación aínda está aberta, e que o Concello de Santiago é un dos municipios que está a facilitar información á causa por petición expresa do xulgado.

Por iso, sinalou que está nunha fase inicial e que "desexa" que se coñeza a totalidade do sumario, xa que a parte pública non é suficiente para ter unha valoración completa, que se basea "exclusivamente nunha serie de indicios".

Currás afirmou que cando se publique toda a documentación e o xulgado tome a decisión "que corresponda e considere oportuna" será o momento de facer "unha valoración".

O alcalde manifestou que non se cometeron irregularidades" durante a súa etapa, cando relevou a Gerardo Conde Roa, que abandonou o cargo por unha fraude fiscal: "Respondo de min, pero teño confianza no goberno e tamén nos funcionarios", concluíu o primeiro edil compostelán.

Comentarios