Currás anuncia a remodelación do Executivo compostelán

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, deu hoxe a coñecer a remodelación total da estrutura do seu goberno, aínda que a oposición insistiu en que debe renunciar el, por mor da súa imputación na operación Pokemon, que investiga unha suposta trama de adxudicacións irregulares.

Currás anunciou esta mañá unha redistribución das competencias municipais entre os seus concelleiros, días despois de que renunciase o edil de Mobilidade, Albino Vázquez, imputado, na operación Manga, derivada da Pokemon, e que eludiu o cárcere tras pagar unha fianza. Ademais, no Goberno municipal produciuse recentemente a baixa da concelleira Paula Prado, elixida recentemente portavoz do PP de Galicia.

O alcalde xustificou a nova estrutura do Goberno local na procura dunha mellora na xestión e agregou que establece maior servizo ao cidadán, á vez que negou as críticas do BNG, cuxo portavoz, Rubén Cela, sostivo que a remodelación premia aos edís afíns a Currás e pon baixo "tutela" aos que non o son.

Ángel Currás, ademais, preguntado pola petición de dimisión que formularon tanto o BNG como o PSdeG, recordou que o anterior alcalde socialista, Xosé Sánchez Bugallo, e un edil do seu grupo estiveron imputados uns meses, nun caso que finalmente foi sobreseído, e entón non solicitaron a súa renuncia. Ademais, respecto da dimisión esta mañá do alcalde da localidade xerundense de Sant Hilari e presidente do Consello Comarcal da Selva, Robert Fauria (CiU), sinalou que se trata doutro "grupo político" e sinalou que, no seu caso, había medidas cautelares". Por iso, subliñou que, "evidentemente" non ve paralelismo co seu caso, porque "hai medidas cautelares''.

O novo Goberno local estruturarase en sete grandes áreas e pretende garantir a xestión "con maior eficacia", destacou Currás, que dixo apostar por un modelo de xestión para "racionalizar" a súa estrutura e que dá resposta a obxectivos do anteproxecto da reforma da lei de administración local.

O alcalde restou transcendencia ao feito de que dous dos integrantes da lista do PP nas municipais decidisen non acudir ao Concello para cubrir a baixa do edil dimitido, posto que, subliñou, ambos teñen obrigacións laborais que non lles permitirían acceder ás tarefas municipais.

Respecto das palabras do nacionalista Rubén Cela, que falou de que coa remodelación penalízase aos edís que non son afíns ao alcalde, Currás subliñou que a remodelación só trata de racionalizar a xestión pública, mentres apuntou que o Goberno de coalición das pasadas lexislaturas era "unha repartición de poder" entre socialistas e nacionalistas.

Igualmente, defendeu a unidade do Goberno local e, fronte ás críticas do BNG a que o goberno se fixo en función de afinidades políticas, dixo que o problema do Bloque é que ten tres concelleiros "e tres faccións distintas, pero no PP hai un único grupo" que lle levou a gañar as eleccións, concluíu.

Previamente á comparecencia do alcalde, o portavoz do PSdeG, Francisco Reyes, subliñou que o seu grupo, por responsabilidade, está disposto a colaborar para que non se dean por perdidos os dous anos que restan de xestión municipal, aínda que destacou a necesidade de que o alcalde renuncie. Para Reyes, non é posible unha "rexeneración ética" no Concello compostelán se se mantén o alcalde actual e indicou que, "desgraciadamente" hai xa tempo que Currás toma decisións "moi enfocadas" a tratar de permanecer no cargo.

Por iso, reiterou que este é un dos motivos polos que debería facer un servizo á cidade e renunciar, porque un pode non ser un bo alcalde, pero sempre está a tempo de ser un moi bo veciño". Mentres, o portavoz nacionalista reiterou a postura do seu grupo de que é preciso que dimita todo o Goberno municipal e que se convoquen eleccións anticipadas

Rubén Cela insistiu en que a remodelación "poida que lle interese a Currás", pero non á cidade, e indicou que a situación é tan grave que non serve unha ''operación de maquillaxe" ou cun "parche", senón medidas "excepcionais e contundentes". O dirixente nacionalista, ademais, destacou que a única remodelación posible é o cambio de todos os concelleiros do grupo de Goberno, que está "deslexitimado" para seguir á fronte da xestión.

Comentarios