Cristina Ónega renuncia á xefatura de Nacional de TVE e dirixirá a comunicación do CGPJ

A xornalista de orixe luguesa Cristina Ónega, que ata agora ocupaba a xefatura da área de Nacional de Televisión Española (TVE), será a nova directora da Oficina de Comunicación do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ). 
 
O presidente do Tribunal Supremo e do órgano de goberno dos xuíces, Carlos Lesmes, comunicoulle onte á xornalista o seu nomeamento conforme ao artigo 598.10 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, segundo informou, tamén onte, o órgano de goberno dos xuíces.
 
Ónega (Madrid, 1975) iniciou a súa carreira profesional en 1997 no Canal 24 Horas da plataforma pública e os últimos catorce anos estivo vinculada a TVE, primeiro como responsable da información xudicial e desde xullo de 2012 como xefa do departamento de Nacional.
 
Para a xornalista, esta oportunidade profesional supón un novo proxecto de comunicación que a «ilusiona» e no que pensa «deixarse a pel» para prestar un servizo como é o de «comunicar todo o que fan os xuíces para mellorar a vida do cidadán», segundo sinala o gabinete de comunicación de RTVE nunha nota de prensa. Ao tempo, agradécelle o esforzo o equipo de profesionais de TVE.
 
Ademais, como adxunto á directora da oficina de comunicación do Consejo General del Poder Judicial incorporarase o xornalista José Asenjo, exjefe da área de xustiza e interior da axencia Efe. 
 

Actualmente, Asenjo (Sankt-Gallen, Suiza 1969) encargábase da información xudicial relativa a asuntos económicos. 

Comentarios