Cristiano Ronaldo opta ao triplete fronte a Messi e Buffon

O dianteiro portugués, distinguido pola Fifa como o mellor do mundo de 2016, foi designado como o xogador decisivo da última final de Champions
Cristiano Ronaldo
photo_camera Cristiano Ronaldo

Cristiano Ronaldo, Leo Messi e Gianluigi Buffon optan este xoves ao premio de mellor xogador da última tempada da Uefa, distinción que o portugués xa recibiu hai un ano e que espera recoller por terceira vez despois do seu papel na final da liga de Campións. A Uefa entregará o galardón este xoves durante a gala que celebrará en Mónaco para sortear a fase de grupos da Champions, na que tamén fará entrega doutras distincións á mellor xogadora, os mellores en cada posición e o premio Presidente por unha carreira para o italiano Francesco Totti.

Os 80 adestradores dos clubs participantes na fase de grupos da liga de Campións e a liga Europa e 55 xornalistas deportivos de cada unha das federacións de Uefa votaron por Cristiano, o arxentino Messi e o italiano Buffon como os tres mellores. O dianteiro portugués, distinguido pola Fifa como o mellor do mundo de 2016 a principios deste ano e o ano pasado tamén pola Uefa, foi designado como o xogador decisivo da última final, na que o Real Madrid gañou o seu duodécimo título.

Os brancos superaron ao Juventus italiano por 1-4 o 3 de xuño en Cardiff. Alí o luso festexou a súa cuarta Liga de Campións e tivo un papel determinante. Anotou dous goles; foi o primeiro en marcar en tres finais e acabou como máximo goleador (12) do torneo cinco anos seguidos.

O primeiro, aos 20 minutos, adiantou ao seu equipo cun trallazo imparable para Buffon a pase de Carvajal, e o segundo no minuto 64 puxo o 1-3 no marcador, só tres minutos despois de que Casemiro anotase o 1-2.

Messi obtivo o premio da Uefa en 2011 e 2015 e pode facelo esta tempada na que foi pichichi da liga española (37) e asinou 11 goles en Europa, entre eles dous tripletes, fronte ao Celtic e fronte ao Manchester City. O arxentino foi clave na remontada do Barcelona fronte ao PSG, partido no que marcou o 3-0. Buffon, que celebrou este ano o terceiro dobrete en Italia do Juventus, mantivo a portería do seu equipo a cero en 9 dos 12 encontros de Champions. As súas accións ante o Lyon, o Barça e o Mónaco achandaron o camiño ata a final de Cardiff.

Os premios aos mellores en cada demarcación serán outros dos que se entregarán no Fórum Grimaldi, con seis madridistas como candidatos en todas as posicións salvo a portería. Buffon, o alemán Manuel Neuer (Bayern Múnic) e o esloveno do Atlético de Madrid Jan Oblak son os finalistas.

En defensa Marcelo (BRA) e Sergio Ramos pugnan con italiano Leonardo Bonucci, ex do Juventus agora no Milán. Casemiro (BRA), Toni Kroos (GER) e Luka Modric (CRO) aspiran a ser o mellor centrocampista e Cristiano Ronaldo, Leo Messi e o arxentino do Juventus Paulo Dybala ao posto de dianteiro.

O fútbol feminino coroará como raíña á holandesa Lieke Martens, fichada polo Barcelona do Rosengård, á danesa Pernille Harder (Wolfsburgo e Linköpings) ou á alemá Dzsenifer Marozsán (Olympique Lyon). O premio que quedará pendente e que se desvelará o próximo día 30 é o do mellor gol da tempada 2016/2017. Entre os sete candidatos están os madridistas Caemiro e Marco Asensio, xunto ao canteirán do Barcelona Jordi Mboula, agora no Mónaco.

Comentarios