Cristiano Ronaldo nega que insulte a Leo Messi na intimidade

O futbolista portugués Cristiano Ronaldo viuse obrigado a publicar un desmentido a través das redes sociais tras divulgarse a través do diario británico The Telegraph un extracto dunha biografía autorizada sobre Leo Messi na que se asegura que CR7 insulta o arxentino na intimidade e incluso fai chistes sobre el con outros xogadores do Real Madrid.

"Están a circular noticias sobre que eu supostamente ofendín cunhas declaracións a Lionel Messi. Isto é rotundamente falso e asegureime de que o meu avogado emprenda accións para demandar os responsables. Teño o máximo respecto por todos os meus colegas de profesión e Messi, obviamente, non é a excepción", escribiu Cristiano Ronaldo no seu Facebook.

De acordo co libro 'Messi', do xornalista Guillem Balagué, que se publicou hai un ano e que agora se dá a coñecer en Gran Bretaña, "algúns xogadores do Real Madrid" aseguran que CR7 ten un alcume para Messi de ''motherfucker" (fillo de puta ou cabronazo, segundo versións), o mesmo que utilizaría a estrela lusa co futbolista branco que se atreva a falar co astro arxentino.

"Nesa contorna, Ronaldo adoita comparar a relación (con Messi) coa que hai entre a República de Irlanda e Gran Bretaña. E os xogadores do Madrid, co seu sentido do humor menos que sutil, teñen unha longa lista de chistes con Messi como o can ou a marioneta de Ronaldo, ou metido nun bolso de deseño pertencente ao xogador portugués. E incluso peor".

Cristiano Ronaldo quixo saír ao paso destas afirmacións e, coa pretensión de cortalas de raíz, asegura que emprenderá accións legais.

Comentarios