Crimea trata de tomar o control de todas as forzas militares no seu territorio e anuncia un referendo sobre Sebastopol

O primeiro ministro crimeo, Serguéi Axiónov, anunciou hoxe que se convocará un referendo o 30 de marzo para decidir o estatuto da cidade de Sebastopol, onde ten a súa base a Flota rusa do Mar Negro.

Nunha conferencia de prensa, o líder desta rexión separatista prorrusa sinalou, ademais, que a consulta prevista para ese día para ampliar a autonomía de Crimea respecto de Ucraína podería adiantarse.

O prorruso Axiónov, declarou que a república autónoma de Crimea planea tomar hoxe baixo o seu control todas as unidades militares ucraínas emprazadas no seu territorio. "Cremos que a situación quedará normalizada no curso do día de hoxe", dixo Axiónov en rolda de prensa.

Indicou que hoxe se lles proporá ao xefe das unidades militares ucraínas que se poñan ás ordes da república autónoma, e explicou que se non están de acordo, poderá abandonar libremente territorio de Crimea.

O líder prorruso anunciou tamén que se convocará un referendo o 30 de marzo para decidir o estatuto da cidade de Sebastopol, onde ten a súa base a Flota rusa do Mar Negro. Agregou que a consulta prevista para ese mesmo día sobre a ampliación da autonomía podería adiantarse. "Creo que o referendo (sobre a autonomía) terá lugar antes do 30 de marzo. Hoxe tomaremos a decisión e trataremos de coñecer a vontade dos crimeos canto antes para actuar conforme a ela", dixo Axiónov, cuxa autoridade non é recoñecida polo Goberno central de Ucraína.

O primeiro ministro adiantou que a pregunta do referendo podería ser modificada, aínda que non precisou os cambios que se introducirían.

"¿Apoia vostede a autodeterminación de Crimea no seo de Ucraína sobre a base dos acordos e tratados internacionais?", reza a pregunta que aprobaron inicialmente as autoridades prorrusas crimeas.

PUTIN NON DESCARTA ''ACTUAR'' PARA PROTEXER OS CIDADÁNS DO LESTE

Hoxe mesmo, o presidente ruso, Vladímir Putin, dixo que ''se reserva o dereito a actuar" con todos "os medios ao noso alcance" se a situación se desborda nas rexións do leste de Ucraína, habitadas por rusofalantes, como ocorreu en Kiev.

Nun encontro cun grupo de xornalistas difundido pola televisión oficial, sinalou que o obxectivo sería defender os cidadáns.

Comentarios