Criado reestrutura concellarías e avalía un ano de mandato

O alcalde vilalbés dixo que buscan "eficiencia e eficacia" e avanzou a rebaixa da débeda a 2 millóns

Boa parte da corporación de Vilalba compareceu este venres para dar conta do seu primeiro ano de mandato e concretar os cambios de responsabilidades, tras a entrada do edil Amador Guerra en substitución de Jesús Vivero e en busca dunha "mellor eficiencia e máis eficacia". 

O alcalde, Gerardo Criado, explicou que Guerra asume Medio Ambiente, Turismo e Comercio, co reto de usar a súa experiencia para dinamizar o sector comercial e o turismo, aproveitando ademais o impulso que supón o Camiño Norte. Sandra Váquez pasa a ocuparse de Urbanismo, ademais de servizos xerais e coordinación administrativa, e Flor Rey suma emprego a servizos sociais, familia e muller. 

José Antonio Pita mantense en cultura, deportes e mocidade, e Agustín Baamonde, en economía e facenda. Patricia Teijeiro leva educación e participación cidadá; Iván Fernández, desenvolvemento local e medio rural, e Cheri Grandío mantense en feiras, mercados e asociacionismo rural. 

Criado aproveitou o anuncio das novas atribucións do seu equipo de goberno para facer balance do seu primeiro ano de mandato, asegurando que o seu programa electoral, do que xa puideron materializar algunhas promesas é o seu "guía para seguir traballando" os próximos tres anos. 

O rexedor destacou o que queda por facer sobre o xa executado, aínda que apuntou algunhas das actuacións, como o plan de sectorización de 50.000 metros cadrados para "facilitar o futuro de Entrepinares", o novo aparcadoiro, os programas de emprego, os 800.000 euros para mellorar o abastecemento de auga, a apertura do mercado, a potenciación do comercio ou a iniciativa Vilalba Aberta. 

Criado defendeu ademais o "éxito" do FIV, validou o apoio ao queixo San Simón ou ao capón, referendou o seu "aposta decidida polo medio rural" ou o acordo que se acaba de asinar cos grupos de música locais, ademais de destacar a súa aposta polos servizos sociais, con máis de 9.000 horas concedidas e un contrato asinado por catro anos con Virxe do Carme por importe de oito millóns de euros.

Comentarios