Corea do Norte ameaza con responder as sancións da Onu cun "mar de lume"

Os ministros de Asuntos Exteriores de Estados Unidos e China alimentan a tensión ao aplaudir o veto imposto ás exportacións norcoreanas
Una bandera de Corea del Norte (c), otra de la UE y una china (d) ondean junto a la sede de la Asean
photo_camera Una bandera de Corea del Norte (c), otra de la UE y una china (d) ondean junto a la sede de la Asean

Corea do Norte ameaza con responder con "un mar de lume" ás accións militares ou ás sancións na súa contra, tras a adopción este sábado de novas medidas de presión sobre Pyongyang por parte do Consello de Seguridade da Onu. "O día en que Estados Unidos se atreva a provocar á nosa nación con armas nucleares ou con sancións, o territorio estadounidense será mergullado nun inimaxinable mar de lume", advirte este domingo nun editorial o diario oficial norcoreano Rodong Sinmun.

O artigo acusa a Estados Unidos e aos seus aliados de manter a súa política "hostil" contra o país asiático e de arriscarse á "autodestrución", e recalca a necesidade de que Corea do Norte conte con armas nucleares para defenderse. "O empeño da banda de Trump por continuar nesta lameira só terá como consecuencia motivar máis ao noso Exército, e dar máis razóns á República Popular Democrática de Corea (nome oficial do país) para posuír armas nucleares", destaca o diario do Partido dos Traballadores.

"A capacidade de emprender unha potente guerra disuasoria é unha elección estratéxica de defensa para o noso pobo, que xa atravesou un conflito bélico horrendo", engade o editorial.

As sancións adoptadas o sábado polo Consello de Seguridade da Onu elevan a presión ao réxime que lidera Kim Jong-un con vetos a varios sectores da súa economía, e envían unha mensaxe de unidade fronte á "ameaza global" que ve nos seus ensaios con mísiles. Os quince países do organismo adoptaron por unanimidade unha resolución que levou un mes de negociacións, e que reduce ata en 1.000 millóns de dólares (849 millóns de euros) ao ano os ingresos que réxime de Pyongyang obtén coas súas exportacións.

PRESIÓN. Os ministros de Asuntos Exteriores de Estados Unidos e China, Rex Tillerson e Wang Yi, aumentaron este domingo en Manila a presión sobre Corea do Norte nunha serie de encontros bilaterais marcados polas sancións da Onu. Invitados á reunión de ministros de Exteriores da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (Asean) que se celebra en Manila, ambos aplaudiron o veto imposto polo Consello de Seguridade ao réxime de Kim Jong-un en relación á exportación de materias primas e marisco.

Tillerson cualificou de "resultado importante" a medida e o chanceler chinés cualificou as sancións de "resposta necesaria" aos dous recentes ensaios de mísiles intercontinentais de Corea do Norte, e confiou en que a presión permita "bloquear de forma efectiva o proceso de desenvolvemento de armas atómicas" dese país.

Comentarios