Medio milleiro de veciños marchan contra o traslado do párroco de Friol e Guitiriz

Durante o trascurso da protesta, o Obispado de Lugo publicou en redes sociais un comunicado atribuído ao propio cura no que este pide perdón á institución relixiosa e asume os destinos propostos

Ao redor de 500 veciños de Friol e Guitiriz manifestáronse este sábado ante a sede o Obispado de Lugo para esixir á institución que rectifique e cancele o traslado a Quiroga e Ribas de Sil de José Ramón Pérez García, párroco de 14 parroquias dos dous primeiros concellos.

A protesta dos veciños críticos con esa orde do Obispado partiu ás 11.30 horas da Rúa Bispo Aguirre para chegar ás 12.00 á Praza de Santa María. Os manifestantes intentaron, sen éxito, entregar as 5.400 firmas de apoio á súa demanda na sede do Obispado, que non quixo abrir as portas aos veciños. Finalmente, decidiron entregar o documento no rexistro da subdelegación do Goberno en Lugo.

Desde que souberon das intencións do Obispado, os fregueses das catorce parroquias na que o cura exerce o sacerdocio desde hai anos propuxéronse reunir o maior número posible de firmas para demostrar que en Friol e Guitiriz queren que José Ramón Pérez quede, pola súa integración total na comunidade e para que siga coa súa actividade pastoral e social, moi apreciadas.

MANIPULACIÓN. Durante o trascurso da protesta, o Obispado de Lugo publicou en redes sociais un comunicado atribuído ao propio párroco no que este pide perdón á institución relixiosa e asume o traslado proposto. Estas declaracións chegan días despois de que o cura asegurase que se marchaba ao seu novo destino "obrigado" polo vigairo xeral da diocese e polo bispo a pesar de que lle gustaría seguir exercendo na mesma zona "uns anos máis".

"Loxicamente cústame marchar destas parroquias nas que establecín lazos moi estreitos ao longo destes trece anos", asegura o cura no comunicado, no que, no entanto, incide en que "está ao servizo da igrexa diocesana para entregar a súa vida alí onde esta o crea conveniente".

Ao coñecer a publicación do comunicado, os manifestantes acusaron á institución relixiosa de "manipulación".

Comentarios