O catedrático lancarés Basilio Losada Castro, Medalla de Ouro de Galicia

A Xunta entrega este ano a súa máxima distinción tamén á banda musical Los Suaves, ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto e ao escultor Francisco Leiro

O catedrático de Filoloxía Románica e membro da Real Academia Galega (RAG) Basilio Losada Castro (Láncara, 1930) é un dos elixidos polo Executivo autonómico para ser recoñecidos coas Medallas de Ouro de Galicia na súa edición de 2016. A el súmanse a banda musical ourensá Los Suaves, o arquitecto Manuel Galego Jorreto e o pintor e escultor Francisco Leiro.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou os seus nomes ao termo da reunión semanal do seu Executivo, nunha rolda de prensa na que ratificou que a concesión das Medallas materializarase nun acto o próximo 24 de xullo, véspera do Día de Galicia e xornada na que se cumpren tres anos do tráxico accidente ferroviario de Angrois.

As Medallas de Ouro de Galicia é o máximo recoñecemento que o Goberno de Galicia entrega a personalidades ou colectivos que se consideran un "exemplo a seguir", tendo en conta que a súa actividade —remarcou este xoves Feijóo— "honra" e "fai mellor" a Galicia.

Comentarios