O pitbull que atacou á septuaxenaria de Mos é propiedade do seu fillo

O pitbull, identificado con microchip, pertence ao seu fillo ► Segundo os primeiros indicios, abalanzouse sobre a muller ao "porse nervioso" polos "ruídos dunha obra"

O can que atacou a unha muller no municipio pontevedrés de Mos, María C.R. de 76 anos, é un pitbull, unha raza de canes que está incluída entre as potencialmente perigosas na Lei de benestar animal de Galicia. O can, identificado con microchip, pertence ao seu fillo.

O animal foi trasladado ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, ao mesmo lugar onde foron a parar os dous cans que o pasado sábado atacaron a outra muller maior no municipio de Covelo. Neste último caso, os canes, cruzamento de dogo de Bordeus e bóxer, foron trasladados a un canil logo de pasar a corentena.

Fontes do organismo provincial confirmaron a Europa Press que, ao contrario que no caso de Covelo, o animal estaba "correctamente identificado" con microchip e rexistrado.

O persoal de lacería do CAAN atopábase preto da zona e foi rapidamente ao lugar tras o requirimento da Policía Local de Mos. O can atópase agora en corentena, antes de pasar revisión veterinaria, e o seu futuro, do mesmo xeito que no caso dos outros dous animais, depende da decisión xudicial.

OS FEITOS. A muller de 76 anos resultou ferida ao morderlle o can na súa casa e, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Garda Civil, os primeiros datos apuntan a que o can "púxose nervioso" debido aos "ruídos dunha obra" no lugar e, como consecuencia, atacou á súa propia dona. O animal soltouse da cadea coa que estaba amarrado e ao achegárselle a anciá para tentar acougalo, acabou mordéndoa en varias partes do seu corpo.

Para atender á muller desprazouse unha ambulancia con médico do Punto de Atención Continuada (PAC) despois de que un particular, sobre as 12.40 horas, alertase do sucedido. 

O ataque ocorreu na casa da afectada, situada no lugar de Carballeira, poboación de Sequeiros, parroquia de Cela. A muller foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro, segundo ratificaron a Europa Press fontes de Urxencias Sanitarias-061.

Comentarios