A Xunta deu por extinguido na tarde deste xoves o incendio forestal rexistrado no municipio coruñés de Padrón —máis concretamente, na parroquia de Carcacía—.
O lume, iniciado ás 21.37 horas do mércores, foi apagado de forma definitiva ás 19.35 do xoves. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada ascende a unhas 52,5 hectáreas de masa arborada.
Nos traballos de extinción participaron 10 axentes forestais, 17 brigadas, 9 motobombas e 2 pas.
A Consellería do Medio Rural e do Mar recorda que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume.