Controlado o incendio de Cualedro tras queimar unhas 100 hectáreas

O incendio declarado na tarde de onte no concello ourensán de Cualedro quedou controlado a pasada noite e calcúlase que afectou a unhas 107 hectáreas de monte, segundo informaron fontes da Consellería de Medio Rural e Mar.

Na noite de onte, a Xunta desactivara o nivel un de urxencias neste lume forestal, declarado por precaución ante a proximidade ás casas no núcleo de Saceda.

O lume comezou na parroquia de Lucenza desde as 16:30 horas. Seis avións e nove helicópteros, entre outros medios, tanto da Xunta como do Ministerio, traballaron a pasada noite mentres houbo luz natural nas tarefas de extinción do incendio.

O equipo despregado en terra está formado por un técnico, sete axentes forestais, 18 brigadas, 9 motobombas e tres pas.

Do total de 107 hectáreas queimadas, segundo cifras provisionais, cen corresponden a terreo raso e 7 a arboledo.

Por outra banda, permanece controlado desde as 16:07 horas de onte o lume no municipio coruñés de Lousame, parroquia de Tállara, que comezara a madrugada anterior, e que afecta a unhas 26,7 hectáreas, das que 20,07 son superficie rasa e o resto, arboredo.

Comentarios