Controlado o lume en Laxe e Boiro mentres que en Ourense segue activo

Os dous incendios forestais rexistrados nas ultimas horas na provincia da Coruña xa se atopan controlados, mentres esta tarde se detectou outro foco en San Amaro, Ourense, que continua activo.

Fontes da Consellería de Medio Rural e Mar informan de que ás 20:00 horas permanecía activo o incendio de San Amaro e durante 49 minutos (entre as 18:36 e as 19:25 horas) permaneceu activado o nivel 1 de urxencia como medida preventiva pola súa proximidade á aldea de Marco.

O nivel 1 desactivouse tras comprobarse que non existía perigo para este núcleo de poboación.

Este incendio iniciouse ás 17:10 horas e permanece activo na actualidade.

No seu control traballan 3 axentes, 7 brigadas, 3 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 7 avións.

Ás 19:26 horas quedou controlado o incendio rexistrado no municipio coruñés de Laxe, na parroquia de Nande.

Segundo cálculos provisionais o lume afectou a unha superficie de 80 hectáreas. Nos traballos de control deste incendio participaron 10 axentes forestais, 20 brigadas, 7 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 2 avións.

O lume rexistrado no municipio coruñés de Boiro, na parroquia de Macenda, que tamén afecta o municipio limítrofe de Lousame, na parroquia de Tállara, permanece controlado desde as 13:10 horas do sábado 31 de agosto.

Comezou ás 16:15 horas do xoves e a superficie afectada é de 450 hectáreas de monte arboledo.

Nos traballos de extinción participaron 3 técnicos, 38 axentes forestais, 86 brigadas, 37 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 10 avións.

Tamén traballaron na zona efectivos da Unidade Militar de Urxencias (UME).

Comentarios