Contos de vellas

ALÓ POLOS primeiros sesenta do século pasado, cando os vellos labradores comezaron a cobrar algo semellante a unha pensión despois de toda a vida «xunguidos ao terrón», como escribira Manuel María e cantaran Fuxan os Ventos, a xente das aldeas bromeaba coa posibilidade de que, agora que se vían con cartos, acabasen por se negar a reparar das vacas, picar a leña, ir ás nabizas ou durmir aos netos, labores estes -ademais doutros varios- que eles, e máis aínda elas, viñan realizando coa naturalidade de quen sabe que sempre fora así. Cobraban algo pero, naturalmente, seguiron picando leña, roxando o forno, mazando o leite e reparando dos animais, e agora co engadido dunhas pesetiñas cada mes que supuñan unha axuda moito de apreciar nas case sempre exiguas economías familiares. Pasou o tempo, foron mellorando as cousas e foise mudando a expresión, agora dicíase -entre risas, si, pero cun aquel cumprido de verdade- que non había mellor facenda que «unha granxa de vellos» e que conviña reparar dos que na casa había para que non faltasen os cartiños que aportaban.

E comezou a utilizarse o de ‘terceira idade’, esa especie de eufemismo caritativo co que se lle quería sacar ferro ao peso dos anos, e mudaron algo, na forma, os servizos a prestar co progresivo abandono do rural: levar e traer cativos do colexio, quedar con eles na casa algúns fins de semana, viaxar ás veces até a aldea para traer algo de aló, axudar, mesmo economicamente, cando era preciso... E así ían indo as cousas, unhas veces mellor e outras non tanto, cada quen facendo por representar coa maior dignidade posible o papel que o tempo lle ía adxudicando, convencidos de que non fora de todo inútil aquilo ao que dedicara mocidade e madurez e, sobre todo, sen nos decatar do perigosamente culpables que os vellos somos de toda canta desgraza hoxe acontece. Algúns daqueles que sendo adolescentes recibiron dos aforros da avoa a moto coa que alardear ruidosamente andan hoxe a nos fregar polos fociños o custo económico que lles supón a nosa manía de nos manter vivos, mesmo en tempo de crise, e andan a argallar a maneira de que incluso nós acabemos por nos sentir culpables -e algúns como min por partida dobre: por ensinante primeiro e por vello despois- e amañar ao seu xeito a orde social. Aquelas e aqueles que moven finanzas e mercados moven os fíos aos que poden chegar -que son todos como ben demostra a mísera actitude do, neste caso, tan mal chamado ‘valedor do pobo galego’- para que as prestacións que son de xustiza cheguen a parecer concesións gratuítas das que se pode prescindir apelando ao que eles entenden polo ben común. Se mesmo os conselleiros da señora Merkel falan de profesionalizar a condición de avó, suponse que para controlar horarios, asistencias, rendemento e baixas por enfermidade.

Pois que saiban esas xentes que quen máis e mellor sabe, desde sempre, contar contos somos os que coñecemos o seu uso correcto e mais o seu verdadeiro significado e que os contos que eles nos pretenden coar son do máis vulgar e inaceptable. Coma eles.

Comentarios