Conta atrás para que o cárcere de Lugo reabra

O edificio, reconvertido en centro cultural, estrearase este mes e este mércores foi mostrado aos membros do consello municipal de cultura
El patio interior, con las antiguas celdas
photo_camera El patio interior, con las antiguas celdas

Era o proxecto estrela e resultou a obra máis polémica do plan Urban, que no ano 2013 dotou a Lugo de 8 millóns da Unión Europea, pero o cárcere do antigo partido xudicial de Lugo está practicamente lista para volver abrir, agora como centro cultural. De feito, debe facelo antes de que acabe o mes ou o Concello podería perder os fondos europeos (aproximadamente 4 millóns de euros) que investiu na rehabilitación do edificio. 

A antiga prisión foi mostrada este mércores aos integrantes do consello municipal de cultura, do que forman parte partidos políticos e asociacións, e en xeral a impresión xeral que levaron non puido ser mellor. Incluso a oposición máis crítica recoñeceu o resultado da rehabilitación, aínda que o PP volveu mostrar o seu desacordo por como se xestionou esta obra, que sufriu paróns e encarecementos que están a ser asumidos con fondos municipais, denunciou a concelleira Isabel Devesa. 

A antiga prisión conserva algúns espazos orixinais, como as celas semicirculares dos homes e incluso as portas metálicas, co pequeno oco no centro que permitía ver ao recluso desde fóra. A madeira ten un papel destacado en todo o edificio, aínda que non se puideron conservar algúns elementos que nun principio se pensaba que estaban en bastante bo estado. 

O proxecto de rehabilitación do cárcere foi realizado polo estudo Creus&Carrasco

O acabado e as vistas da cafetería habilitada na parte superior e dianteira do edificio é unha das partes que máis chama a atención, tanto polo espazo en si como polas vistas que ofrece, un primeiro plano da muralla. Foi unha intervención polémica –no seu día, o PP chegou a cuestionar a súa legalidade–, do mesmo xeito que o lastro que se colocou no patio interior que rodea o edificio e na rúa Soto Freire, entre o cárcere e a estación de autobuses. 

O resultado estético é bo, pero os lastros dificultan moito a mobilidade de persoas que teñen algún tipo de discapacidade física. De feito, o Concello está a investir diñeiro en retiralos dalgunhas rúas e prazas. A última hora decidiuse deixar unha franxa lisa en Soto Freire. En cambio, o patio interior só leva lastro e hai que recordar que a idea era que ese espazo funcionaria como unha especie de praza pública polo día. O proxecto de rehabilitación do cárcere foi realizado polo estudo coruñés Creus&Carrasco. 

O goberno aínda non deu data para a inauguración do edificio. Abrirá cunha exposición sobre a historia deste cárcere, que o Concello de Lugo logrou adquirir tras unha longa batalla co resto de concellos propietarios. O Concello apura estes días o remate dos traballos e o equipamento máis básico, aínda que quedarán algúns pendentes, como a colocación dunha plataforma elevadora no escenario.

Comentarios