sábado. 19.06.2021 |
El tiempo
sábado. 19.06.2021
El tiempo

Consueliño Fernández-Couso: a paixón por sermos casa e patria

Flores en un cementerio. PIXABAY
Flores en un cementerio. PIXABAY

Iso que chaman a morte é a única explicación do que seica pensamos que é a vida. O modo máis sinxelo de dármoslle razón ao feito de andarmos por cá. E porque na simpleza dos argumentos reside o modo máis veraz de reflectirmos a realidade máis grandiosamente certeira, a entidade das persoas que o foron é unha das poucas cousas que nos servirán de consolo —nunca mellor dito— para quen aínda andaremos por estes lugares. Sobre todo polos da cartometría brava e petadora de Terra de Miranda. Polos dos socalcos e as encostas d’A Chousa de Galegos, polos das beiras do noso río de Miranda, mesmo fixándomos as meniñas nos montes de Gromaz en Burón, e por riba de todo através das subidas e baixadas dos camiños que radiografan as leiras d’A Corredoira en Vileimil, os mesmos aos que chegara aquel bastardo de Velarde que dera inicio ao noso clan mirandés.

imagenConsuelo Fernández Fernández, embora coñecida polos apelidos de seu pai, meu tío Manuel, por pai medio-irmán de meu avó e por nai primo-segundo da miña avo a—porque a rede que teceu a nosa xenética case era faraónica—. Consuelo Fernández-Couso, un deses arquivos vivintes con que xa apenas conta a nosa cultura e casa. Consueliño, que nesa alegría que de sempre a caracterizou, quixo explicarlles ás miñas cativas a razón pola que adoito se comunicaba en galego: «nós sempre o falamos. De xeito natural, si. Porque… somos galegas. Tampouco ten outra razón». Ese, xaora, era o seu sentido vital: o de quen nunca soubo traizoar nin casa nin caste, nin patria nin lingua. Filla dun emigrado á illa aínda española de Cuba —foi meu avó, seu irmán Toño, quen o reclamou—, Consueliño medrou nun fogar intensamente masculino. Mágoa de Terra de Miranda. Filla e irmán de ferradores, descendente dunha manchea de ferreiros. E nin o padecemento dunha meninxite cando tiña dous anos de idade a impediu mentalmente para medrar e medrar, para ler, para explicarse e para explicarnos como explicármonos. E para traducirnos como haberemos ser quen do achado de traducírmonos segundo o que somos e en aras do que fomos.

Des que comezou este pesadelo pandémico dicíasme que estabamos asistindo á fin do mundo. Non o crin, sabes? Mais si, Consueliño, tamén tiñas razón. Como en tantos e tantos asuntos. Tíñala porque talvez adiviñabas que esa fin se achegaba, agora por mor do remedio médico que non ías resistir. Ti, Consueliño, que tan ben superaras unha meninxite en 1942, naquela miserábel mais embaladora Terra de Miranda que sempre levabas nos beizos, na mente e nas veas.

Consueliño da Casa de Luís, Consueliño de Galegos, Consueliño de rexa xínea, Consueliño que berrabas contra a intensidade daquel androcéntrico proxecto que nos larvou, que nos capou. Non penses que esa fin vislumbrada vai ser quen de che apagar nin apouvigar a soma da túa alma. Xa estabas en nós e seguirás a estalo. Coas túas achegas, coas túas análises, con esa sabedoría que só unha muller mirandesa —como a túa e nosa avoa a monxa María de Miranda; ti xa sabes— pode exhibir disque —iso pretenden aínda— cando non a ven. Só que agora, Consueliño, esa túa forza, para alén se seguir a beixar as leiras de Vileimil e Vilarquide, ha furarnos na memoria de clan, casa, patria e matria. Sobre todo matria. E non nos veremos máis tarde: seguiremos a vérmonos na túa bondade e alegría. E tamén na da terra que nos creou e criou. Fuches e eres o cérvix do Miranda que nunca vai querer deixar de selo. Sábelo, mais quero que fique constancia. Continuaremos a quererte, tía Consueliño

Consueliño Fernández-Couso: a paixón por sermos casa e patria
comentarios