Conservas Alonso ofrece medidas paliativas para o traslado a Bueu

Permitirá un período de adaptación, que un familiar interesado ocupe o posto do que renuncie ou axudas para o transporte
Reunión anterior de la mesa de negociación
photo_camera Reunión anterior de la mesa de negociación

A dirección de Conservas Alonso ofreceu o venres na mesa de negociación cos sindicatos unha serie de medidas para aliviar e favorecer o traslado dos traballadores da planta de Celeiro á de Bueu. A empresa continúa coa súa pretensión inicial de pechar a factoría celeirense.

As axudas propostas pola empresa non convencen aos traballadores, que loitan para que a fábrica quede no concello de Viveiro. Antonio Alonso expón un período de adaptación para as persoas dispostas a marcharse, de maneira que se en tres meses non se afán poidan acceder á indemnización de rescisión que se pacte no seu momento. Así mesmo, abre a posibilidade de que se unha traballador renuncia ao traslado e un familiar seu está interesado, poida ocupar o seu lugar, así como axudas para o transporte.

A empresa ofrece tamén que as prazas de fixas que renuncien ao traslado poidan ser ocupadas por fixas descontinuas dispostas. Ademais, intentaría concentrar ao máximo o tempo de traballo das fixas descontinuas garantindo a media de traballo actual, é dicir, a menos traslados maior carga laboral para as fixas descontinuas que se vaian para Bueu.

Os traballadores só saben con exactitude que a empresa quere ter pechada a planta en xuño, pero descoñecen as posibles condicións indemnizatorias para quen renuncien ao traslado, segundo Susana Riveira da CIG. Esta notificación debe producirse cun mes de antelación.

Doutra banda, Comisións trata de fixar unha reunión en Santiago para o luns coa secretaria xeral de Emprego, a empresa e delegados sindicais a fin de buscar alternativas á situación que permitan a permanencia da fábrica no municipio vivariense.

A mesa de negociación reunirase de novo o vindeiro martes e o luns pola tarde, ás seis, está prevista unha nova concentración dos traballadores diante da oficina de turismo, para a que reclaman a maior asistencia posible.

Comentarios