Confirman o avistamento dunha balea azul na ría de Muros e Noia

É un achado histórico: nunca un exemplar do animal máis grande da natureza foi visto tan preto da costa galega

Os expertos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños confirman que o cetáceo visto nos últimos días na ría de Muros e Noia é unha balea azul. O achado podería considerarse histórico. E é que nunca antes un exemplar do animal máis grande da natureza foi divisado tan preto da costa de Galicia.

Concretamente o avistamento produciuse o pasado 8 de setembro. Os tripulantes do Paio Gómez Chariño, do Servizo de Gardacostas, gravaron ao cetáceo nadando enfronte de Monte Louro.

Desde entón os expertos trataron de confirmar, tamén póndose en contacto con outras persoas que avistaron o impresionante mamífero mariño, que era unha balea azul. "Cremos que se trata dun exemplar de entre 18 e 20 metros de longo, cun peso de entre 25 e 30 toneladas", explica Alfredo López, biólogo e membro de Cemma, en declaracións recollidas por TVE. 

Ao principio existían dúbidas de se se trataba dunha balea azul ou dun híbrido de azul e común. Agora parecen resoltas. E isto supón, segundo Cemma, un "fito histórico", pois estes exemplares adoitan nadar en augas moito máis profundas que nas que foi visto, onde aínda se estende a plataforma continental baixo o oceáno. 

NON É A DE AROUSA. O que si descartan con seguridade desde Cemma é que esta balea sexa a mesma que foi avistada hai uns días na ría de Arousa cunha rede na cabeza. "Non é a mesma con seguridade, son de diferente especie, unha ía cara ao norte e outra cara ao sur e son de diferente tamaño", explica Cemma na súa conta de Facebook.

comentarios