Condenan a NGB a devolver 25.500 euros de participacións vendidas en Baiona e A Lama

Un xulgado de Vigo e outro de Pontevedra condenaron a Novagalicia Banco a devolver 25.500 euros en total a dous clientes que compraron participacións preferentes nas oficinas de Baiona e A Lama, a través de senllos contratos que foron declarados nulos por vicio de consentimento.

Na primeira sentenza, o titular do Xulgado de Primeira Instancia 11 de Vigo ordena a Novagalicia a devolverlle a un cliente seu 20.000 euros por venderlle preferentes nun proceso que tacha de ''basto engano".

Sostén o xuíz que, a partir do "abuso" da confianza do cliente, a entidade "tomou o seu diñeiro" para investilo nun produto "de tal complexidade" que levou aos actuais responsables de Novagalicia a pedir "perdón" por ofrecelos a persoas "con mínimos niveis de formación" mediante "o engano e as malas artes".

Na súa sentenza, á que tivo acceso EFE, recolle que durante a vista, a propia directora da oficina en cuestión declarou que os seus xefes de zona exhortábano a dicirlles aos clientes que as preferentes tiñan liquidez e que non era posible perder o capital investido.

Na segunda sentenza, ditada polo Xulgado de Primeira Instancia 4 de Pontevedra, o xuíz, que condena a Novagalicia á devolución de 5.520 euros a un cliente da Lama, afirma que o problema das preferentes non é "a natureza" do produto, senón a forma en que se comercializou.

Di literalmente que "non cabe dúbida da existencia dun erro" no momento de subscribirse os contratos na medida en que o contratante ignoraba as características do produto, pensando que o que adquirira era un depósito a prazo fixo.

Tamén di que se o cliente soubese que contrataba un produto de investimento, de carácter perpetuo, que podía perder parte do capital e que se podería ver abocada a ir aos tribunais, "levárono a adoptar unha posición distinta respecto da contratación".

UN PERFIL SIMILAR: SEN EXPERIENCIA NIN COÑECEMENTOS FINANCEIROS

A avogada viguesa Ángeles Fernández Berceruelo, que leva estes dous clientes e unha decena máis de casos por participacións preferentes, explica a EFE que todos os seus patrocinados presentan un perfil similar.

Ningún ten formación financeira, nin estudos superiores nin experiencia investidora, e son "clientes de moitos anos" de Caixanova. Por iso, confía en que as sentenzas tamén serán favorables por moito que a entidade financeira alegue, a través dos seus representantes legais, que "a xente sabía o que contrataba".

Subliña que todos os seus clientes "asinaron todos os documentos que lles puxeron diante", incluídos o chamados test de idoneidade e conveniencia, pero matiza que "non eran conscientes" do que subscribían pola "súa falta de formación" financeira.

Fernández Berceruelo recalca que algúns dos seus clientes solicitaron someterse á arbitraxe, unha vía que cre "válida" se fose "obrigatoria" para o banco, que con todo "elixe de entre todas as peticións a quen chama e a quen non". Esa é a "principal pega" que esta avogada ve na arbitraxe, que o afectado "perde a iniciativa".

Polo demais, fai fincapé en que as dúas primeiras sentenzas favorables aos seus clientes tardaron seis meses en ser ditadas, así como na "contundencia" dos termos en que se expresan os xuíces, que "non deixan lugar ás dúbidas" da mala praxe na comercialización de produtos híbridos.

Comentarios