Conclúe sen acordo o encontro entre IxU e o Foro

Segundo explican dende a plataforma, existen "disparidades manifestas" e non hai o "tempo suficiente" para configurar unha única candidatura de unidade galega para as eleccións xerais do 20-D

O encontro celebrado este sábado en Santiago de Compostela entre Iniciativa pola Unión (IxU) e o Foro impulsado por Encontro por unha Marea Galega, no que están presentes Anova, Esquerda Unida, Podemos, Equo, Espazo Ecosocialista e a propia Cerna, concluíu sen acordo.

Segundo explicou Xosé Luis Rivas Mini, membro da coordinadora de IxU, a reunión finalizou "sen acordo" ao existir "disparidades manifestas" que fan que "non exista o tempo suficiente" para configurar unha única candidatura de unidade galega para os próximos comicios xerais do 20 de decembro. 

No encontro, participaron, ademais de Iniciativa pola Unión, o BNG, Anova, Foga, PCPG, Compromiso por Galicia, Equo, Cerna, o Partido Galeguista e o Foro Político. Con todo, non acudiron representantes de Podemos nin de Esquerda Unida, a pesar de estar invitados. 

Tras este encontro, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, lamentou, a través da súa conta de Twitter, que máis non se pode facer". "Nin mesmo ofrecendo pór a cero para a candidatura de unidade e grupo soberano. Os que non querían, seguen sen querer", sinalou.

DISCREPANCIAS. Mentres, Encontro por unha Marea Galega destacou que "a fundamental" discrepancia virou ao redor da posibilidade de confluír tamén para os comicios autonómicos, "opción que o BNG non vía". "E nós non viamos só ir xuntos para as estatais", apuntou Gonzalo Rodríguez.    

En declaracións a Europa Press, fixou "a diferenza" de proxectos na "vocación de continuidade" pola súa banda, tendo en conta que en canto á necesidade de primarias e dun grupo propio no Congreso dos Deputados "estívose de acordo". "Pero para Encontro parece complicado xestionar un proceso no que construír para logo separar", apostilou.


Comentarios