Concellos, Deputación e outras entidades únense para esixir a xestión pública de Meirás

Propoñen cambiar a lei para evitar que existan fundacións como a Francisco Franco e crear un xunta prol devolución do pazo para o patrimonio público
El pazo de Meirás, ubicado en el concello de Sada y propiedad de los herederos de Francisco Franco
photo_camera El pazo de Meirás, ubicado en el concello de Sada y propiedad de los herederos de Francisco Franco

A Deputación da Coruña, o Concello de Sada e o herculino, entre outros municipios, así como iniciativas pola Memoria Histórica acordaron "sumar forzas para impedir a apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás".  En concreto, representantes destas entidades participaron nunha reunión na que se tomaron acordos encamiñados a iniciar o proceso para recuperar este inmoble para o patrimonio público. Así, acordouse rexeitar a xestión por parte da Fundación Francisco Franco do programa de visitas ao Pazo; apoiar a demanda do consistorio de Sada de que sexa esta administración quen o xestione e condenar as declaracións do portavoz da fundación. 

Entre os acordos adoptados figura ademais a realización dun informe "para pór fin á detentación pola familia Franco da propiedade do Pazo".  Ao encontro asistiron a vicepresidenta provincial, Goretti Sanmartín; o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández; o de Sada, Benito Portela; o concelleiro de Culturas da Coruña, Xosé Manuel Sande, o vicerreitor da Universidade da Coruña (UDC), Alberto Valderruten, e representantes da Iniciativa Galega da Memoria, así como da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, entre outros. 

Entre outras cuestións, instan a modificar a Lei de Fundacións "para impedir a legalidade de fundacións que fan apología do franquismo" ; realizar un estudo sobre "o espolio e a apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco". Tamén propoñen constituír un Xunta prol Devolución do Pazo de Meirás para o patrimonio público, ademais de reclamar unha Lei Galega da Memoria Histórica.

PLENO EN SADA. Mentres, o Concello de Sada convocou para o sábado, día 12, ás 12.30 horas, o pleno proposto a instancias da Alcaldía para demandar á Xunta que esta institución xestione as visitas ao Pazo. Tamén se expón o recoñecemento ás vítimas e a condena ás declaracións feitas desde a fundación.  Nun comunicado, o alcalde de Sada expresa a súa confianza en que haxa un acordo unánime para recuperar o Pazo de Meirás para a titularidade e usos públicos, así como para asumir a xestión das visitas. 

Comentarios