A comunidade islámica asegura que a cota da mesquita non é obrigatoria

Mantén que denuncias como a presentada por unha barreirense danan a imaxe do colectivo
Mezquita acondicionada, en Fazouro.
photo_camera Mezquita acondicionada, en Fazouro.

A Comunidade Islámica de Fazouro fixo o xoves unhas declaracións en relación á denuncia por ameazas presentada por unha muller residente en Barreiros da que se fixo eco este xornal o pasado 27 de agosto. Segundo os feitos relatados naquel momento, as ameazas podían ser debidas a que a denunciante renunciou a abonar a cota mensual do mantemento da mesquita situada en Fazouro. Con todo, desde a comunidade islámica precisaron o xoves que a cota mensual da mesquita é «opcional e non obrigatoria».

Desde o colectivo explican que o marido da denunciante recibiu unha demanda da asociación en xullo de 2014 e, desde ese momento, ningún deles entra na mesquita, «entón, como se pode pedir a cota a unha persoa que non se presenta ás oracións?».

Consideran tamén que detrás desta denuncia está o conflito familiar que a denunciante mantén co seu irmán, «porque el foi testemuña contra o seu marido nunha denuncia do día 10 de xullo de 2014». Desde o colectivo explican que o xuízo no que o irmán da denunciante testificará contra o seu marido será o día 7 e por iso, «denunciou ao seu irmán con estes feitos falsos».

A asociación tamén asegura que presentarán unha queixa pedindo unha indemnización para a mesquita e para a persoa denunciada. «Esta mesquita, que esa persoa quixo manchar con problemas persoais, é un lugar de rezo de varias comunidades musulmás: marroquís, senegaleses, paquistanís e indonesios», din, «e estas persoas teñen dereito a protexer o seu lugar de rezo».

Desde a comunidade islámica engaden que a cota da mesquita é unha axuda á comunidade en caso de necesidade, así como para pagar ao imán, facer reformas ou para o funeral de persoas da comunidade musulmá. «Se algunha persoa quere ver os detalles dos gastos será un pracer ensinarllos, pero non fai falta que amenta e saque rumores para facer dano tanto á comunidade como á mesquita», aseguran.

Comentarios