Comeza a talla das árbores dentro do recinto escolar da EEI de Vilalba

O corte dos exemplares dará paso ao acondicionamento do terreo
Preparación de uno de los árboles antes de ser tirado
photo_camera Preparación de uno de los árboles antes de ser tirado

As problemáticas árbores do recinto da Escola de Educación Infantil (EEI) de Vilalba están a un paso de ser historia despois de que se iniciase este mércores a talla dos mesmos por parte dunha empresa madeireira local, Madeiras Goiriz, que acomete este xoves os últimos traballos para proceder ao corte dos tres piñeiros que quedaron pendentes.

Coa súa eliminación, queda resolta unha polémica que viña de lonxe e que tivo como colofón o pasado venres a caída dun piñeiro de máis de 20 metros de alto, provocando o corte total da rúa Quart de Poblet e varios danos, aínda que non, afortunadamente, danos persoais.

A dirección do centro xa advertira en numerosas ocasións nos últimos anos tanto ao Concello como á Consellería de Educación de que os piñeiros implicaban un serio perigo pola súa gran magnitude e polo gran peso que soportaban as súas copas. De feito, o recinto contaba cun valo metálico para evitar que os escolares se achegasen a esta zona.

Finalmente, chegou a tan esperada talla, despois de que o Concello recibise o martes o permiso de Educación. Os operarios da empresa madeireira traballaron este mércores no recinto durante toda a xornada e, aínda que contaban con poder cortar nun día todas as árbores, quedaron tres.

Unha vez tallados estes tamén e retirados os restos dos piñeiros, procederase a acondicionar o terreo, posto que as raíces non se retiraron para evitar desprendementos, ao estar nunha costa.

Así, encherase o oco con terra vexetal ata nivelar coa zona onde está o edificio escolar e sementarase céspede, segundo explicou o rexedor vilalbés, Gerardo Criado, quen non descartou ter que construír tamén un muro de contención. Os traballos estarán listos antes do inicio do curso.

Comentarios