Colectivos lucenses piden unha reunión con Almuiña por Hemodinámica 24 horas

A Federación de Asociacións de Vecinos e a Plataforma en Defensa da Sanidade recordan ao conselleiro que se comprometeu a entrevistarse con eles en outubro

A Federación de Asociacións de Vecinos da provincia de Lugo e a Plataforma en Defensa da Sanidade e das Especialidades no Hula, colectivos que suman a máis 25.000 afiliados, remitíronlle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para pedirlle que convoque a reunión que comprometera cos seus representantes e que ía celebrarse en outubro.

Nunha carta, recórdanlle ao conselleiro que, nunha reunión previa -que tivo lugar no verán-, comprometeuse a entrevistarse cos representantes de ambos os colectivos en outubro para presentarlles os datos do "rexistro de infartados" en Galicia e "avalados polos pronunciamientos dos profesionais de Cardioloxía". "Nós confiamos na súa palabra, pero a data pasou sen que se acordase dese compromiso, a pesar de estar nos meses de setembro e outubro nalgunha ocasión por Lugo", recórdanlle nesa misiva.

Na mesma liña, ambos os colectivos reiteran "o seu compromiso ineludible" para que "Lugo teña definitivamente o servizo de Hemodinámica 24 horas", cuxa conveniencia é compartida "por técnicos, profesionais da Cardioloxía e o conxunto da poboación".

"Pensamos aproveitar a entrevista comprometida para volver falar da asistencia médica nos municipios que roldan os 1.000 habitantes, servizos xeriátricos adecuados en todos os municipios, a implantación da técnica Da Vinc no Hula, servizos personalizados e en consulta para Dermatoloxía e as listas de espera de Oftalmoloxía", engaden.

Así mesmo, ambos os colectivos aclaran que sempre consideraron ao conselleiro unha "persoa de palabra" e expresan a súa confianza en "non ter que cambiar" a súa "opinión".

Comentarios