Coldplay compón 'Houston' en honra aos afectados por Harvey

A banda tocou a canción "por primeira e última vez" este martes nun concerto en Miami

A banda británica Coldplay compuxo Houston, unha canción dedicada aos afectados polo ciclón Harvey, que tocou "por primeira e última vez" este martes de madrugada nun concerto en Miami (Florida).

"Esta canción é porque crecemos amando á música country e é o que pensamos cando imos a Texas", dixo durante o concerto un emocionado Chris Martin, vocalista do grupo, segundo informaron medios locais texanos. O cantante asegurou ademais que unicamente tocarían Houston durante esa actuación en Miami.

"Estou a soñar en cando volva a Houston/ estou a soñar con ese lugar tan especial/ estou a soñar en cando Houston non teña problemas/ nesa cidade onde che envían ao espazo", son as primeiras frases da letra da nova canción de Coldplay.

O grupo tiña programado actuar a fin de semana pasada na cidade texana, un concerto que tivo que pospor

A composición cita ademais ao estado de Texas, o condado de Harris e as localidades costeiras de Corpus Christi e Galveston, afectadas tamén pola chegada do poderoso ciclón desde a noite do pasado venres.

Os máis de dous millóns de habitantes de Houston encararon este martes o cuarto día desde a chegada de Harvey, que entrou pola costa de Texas como un poderoso furacán e chegou o sábado á cidade xa degradado a tormenta tropical. Desde entón, choveu sen pausa como nunca se viu na zona.

De feito, a propia banda británica tiña programado actuar a fin de semana pasada na cidade texana, un concerto que tivo que pospor "sine die" por culpa das continuas precipitacións. "Realmente queriamos tocar esta noite, pero sentados aquí todos xuntos vendo as noticias sobre a tormenta sentimos que non podemos pedirlle a ninguén que poña a súa seguridade en perigo", sinalaron o sábado os integrantes nun comunicado.



Harvey tocou terra o pasado venres pola noite na localidade costeira de Rockport, situada a uns 360 quilómetros ao suroeste de Houston, como un furacán de categoría 4 na escala de intensidade de Saffir-Simpson, dun máximo de 5. Nos últimos días perdeu intensidade e o ciclón deu paso a unha tormenta tropical que causou "catastróficas inundacións" en Houston e outros lugares, onde os equipos de rescate empregan decenas de helicópteros e lanchas para asistir ás persoas que quedaron atrapadas polas inundacións.

Comentarios