Cociñeiros e deseñadores traballarán nunha nova liña para Sargadelos

José Luis Vázquez, Regina Polín -centro- y Lara Méndez, ayer, en la rueda de prensa (Foto: Guille Dacal)
photo_camera José Luis Vázquez, Regina Polín -centro- y Lara Méndez, ayer, en la rueda de prensa (Foto: Guille Dacal)

O Taller Internacional de Tendencias Cerámicas que organiza a firma Sargadelos contará cunha iniciativa nova nesta edición. Prestixiosos deseñadores e cociñeiros reuniranse para elaborar unha nova liña para a cerámica. O obxectivo é deseñar recipientes adaptados para tapas que elaborarán os expertos restauradores.

Esta actividade desenvolverase na primeira quincena de agosto, paralela ao taller de cerámica que impartirá Marta Rois e que contará con alumnos chegados desde varios países.

O curso internacional de Sargadelos foi presentado onte polo presidente do consello de administración, José Luís Vázquez, que estivo acompañado pola vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez e a responsable do Centro de Artesanía e Deseño, Regina Polín. A institución provincial colabora con esta actividade cunha achega de 15.000 euros.

A colaboración entre cociñeiros e deseñadores, denominada de forma provisional Neotapas, terá como fin elaborar unha nova liña de produtos para a cerámica de Sargadelos. Traballarán en parellas e cada equipo deberá deseñar seis pezas coas súas correspondentes tapas, segundo explicou José Luís Vázquez.

Entre os deseñadores estarán Martí Guixé, Martín Azúa un representante da empresa Nadadora, Díez+Díez, Cen Litros Por Metro Cadrado e Héctor Serrano. Compartirán equipo cos cociñeiros Martí Berasategui,, Marcelo, Sacha e Pepe Solla, entre outros.

Paralelamente celebrarase o taller internacional de cerámica, dirixido pola profesora Marta Rois, e que contará cunha ducia de participantes. O seu obxectivo é profundar na interpretación do deseño e a gastronomía, con especial atención a obxectos pensados para servir alimentos, como poden ser cuncas, vasos ou bandexas.

O curso desenvolverase en horario de mañá desde as 9.00 horas ata as 13.00 horas. Na primeira semana será nos talleres de Cervo e durante a segunda realizaranse prototipos no Castro, Sada. Os participantes experimentarán cos materiais e o equipo da fábrica, baixo a supervisión da directora do curso e co apoio dos técnicos de Sargadelos.

Exposición

Como complemento a estas actividades, as instalacións da cerámica de Sargadelos acollerán a exposición ‘Modelos de Ulm 1953-1968', desde o 4 de agosto e ata o 24, aberta ao público en xeral. Máis tarde, a mostra trasladarase á galería Sargadelos de Santiago.

A mostra recolle mediante fotografías de gran formato, pezas gráficas, bosquexos e vídeos unha ampla variedade de enfoques teóricos da escola de deseño alemán de Ulm, unha das máis prestixiosas da súa época e que foi moi innovadora no ámbito da tecnoloxía industrial.

A cerámica Sargadelos organiza estas actividades para axudar a difundir as técnicas de traballo con arxila, promocionar a marca e pór en común as ideas dos participantes. O Centrade terá á súa disposición as conclusións do encontro, que servirán, segundo Regina Polín, de orientación para potenciar o sector artesanal e orientar iniciativas para xerar riqueza na provincia de Lugo. «Estas xornadas permitirán dar un pulo á economía de Cervo, debido á visita dos asistentes que durante días se aloxarán no municipio», concluíu a vicepresidenta Lara Méndez.

Comentarios