Dni no lombo

A Cemma en colaboración con Maremasma fotografou cetáceos na costa mariñá ►Coas imaxes das súas aletas realízanse fichas e pódese recoñecer a cada individuo
Algunas de las toniñas avistadas la semana pasada
photo_camera Algunas de las toniñas avistadas la semana pasada

A Coordinadora para O Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) realizou a pasada semana un traballo de fotoidentificación de mamíferos mariños en augas da comarca. Un equipo dirixido por Juan Ignacio Díaz, responsable da área norte da Cemma, en colaboración coa firma focense de multiaventura Maremasma, percorreu distintos tramos do litoral focense en busca de arroaces ou golfiño mular (trunsiops truncatus). A intención era fotografalos e despois identificalos grazas ás súas aletas, para coñecer os movementos que estes cetáceos manteñen.

O responsable da Cemma, Alfredo López, explicou que teñen identificados deste xeito uns 500 arroaces en toda Galicia. Cada cetáceo recoñécese nunha ficha pola marca que presenta nas aletas, "feridas e outras marcas que fan cada aleta diferente, temos algún exemplar identificado desta maneira desde hai 16 anos", puntualiza.

A Cemma ten identificados preto de 500 arroaces en todo o litoral de Galicia, algún desde hai 16 anos

Toniñas. Pero nesta ocasión, nun percorrido ao longo de 30 quilómetros por toda a área do Arco do Masma, non deron cos arroaces, aínda que si con golfiños comúns (delphinus delphis) e cun grupo numeroso de marsopas tamén chamadas toniñas (phocoena phocoena) . "Foi unha sorpresa agradable atopar uns 20 exemplares destes mamíferos mariños que se encontran nunha situación delicada e son máis difíciles de ver preto da costa", indicou López. "A toniña é unha especie moi escasa e estes datos achegarán información para coñecer mellor a súa distribución". Neste sentido, é a primeira vez que o Cemma recolle información gráfica das toniñas en Galicia, "o que permitirá poder aplicar a técnica da fotoidentificación temén nesta especie", explica.

A diferenza básica entre as toniñas e os arroaces é o seu tamaño, de 1,5 a 2 metros de longo e uns 80 quilos as primeiras e de 3 a 3,5 metros e ata os 400 quilos de peso os arroaces. Ademais as súas cabezas moi características, con morro alargado nos arroaces e chata no caso da toniñas.

López explicou que os arroaces son máis fáciles de atopar nas augas costeiras, neste caso mariñás, onde incluso é posible avistar algún calderón "ao ser augas máis abertas que as das rías", apuntou. Sobre a poboación de arroaces, especie que teñen catalogada, indica que en Galicia se mantén estable "con nacementos máis ou menos semallantes ás mortes, que son entre 15 e 40 ao ano". Que esta poboación de delfínidos non aumente ten como aspecto negativo que a especie está suxeita a calquera ano malo, no que a mortaldade sexa grande, o que podería afectar de xeito negativo á súa poboación.

Sobre a balea avistada en San Cibrao o día 12, Alfredo López manifestou que a pesar de situar varios puntos para a súa localización, non se volveu a saber nada dela "o que non é malo e quere dicir que voltou mar dentro".

comentarios