Co tempo no móbil

O mozo guitiricense Adrián Montes é un nome habitual nas informacións metereolóxicas grazas ás fotos que fai co seu teléfono
Adrián Montes, co seu móbil, listo para retratar
photo_camera Adrián Montes, co seu móbil, listo para retratar

Imaxes da súa autoría saen na maioría das canles de televisión nacionais, aínda que é na Televisión de Galicia onde case se pode dicir que Adrián Montes se está a converter nun colaborador habitual grazas á súa afección por retratar estampas do cotiá, que serven unha e outra vez de fondo para unha das informacións máis demandada e seguida, a metereolóxica.

Este mozo, veciño de Ixivara, na parroquia guitiricense de Santa Cruz, comezou fai dous anos a captar momentos co seu teléfono móbil e, case sen querer, unha cousa levou á outra. «Deume por enviar fotos á TVG e fíxome moita ilusión a primeira vez que me sacaron unha no Tempo», lembra. Pouco a pouco foi «collendo o ritmo» e agora practicamente non hai día no que non inmortalice a paisaxe, o estado do ceo, os traballos do agro...

Os escenarios varían, pero a actualidade é sempre a que manda. «Cando vou de paseo ou levar as vacas a pastar, ocórreseme unha idea e fago a foto», explica, ao tempo que indica que cada vez é máis doado colaborar co espazo meteorolóxico da Galega, ao existir un número de WhatsApp.

Os veciños anímano a seguir con esta afección e dinlle que sempre están atentos ao Tempo para ver se sae unha imaxe súa

Ao ver que as súas imaxes tiñan cada vez máis repercusión, sumado ao feito de ir gañando práctica, fixo que se animase a dar un paso máis e comezase a remitir instantáneas ás televisións nacionais. «Aí saen poucas, porque hai moita xente que as manda e saca fotos mellores cás miñas», recoñece este mozo cuxas únicas ferramentas son a súa capacidade de observación e o seu móbil.

«Teño un Samsung Galaxy J1 e ata o de agora fixen todas as fotos con el, pero estou pensando en cambialo», explica, consciente das moitas posibilidades de crear que se lle abrirían con outra tecnoloxía e máis coñecementos. Faríalle ilusión «facer un curso de fotografía e ter formación, aprender máis» para saber manexar unha cámara profesional e poder darlle forma a composicións máis elaboradas.

Porque temas para retratar nunca faltan. «A paisaxe que temos en Galicia é moi fermosa», di, e constátao a través do grupo Amigos por la Meteo, no que comparte fotos con outros afeccionados de España.

Aínda que sen dúbida, o que máis agradece é o cariño que lle amosan os que o coñecen. «O que máis me chama a atención son os veciños, que me din que están atentos ao tempo a ver se ven unha foto miña, aconséllanme e dinme que fago unhas fotos preciosas», confesa Adrián, matinando xa na próxima estampa a capturar.

Comentarios