Clubs náuticos de toda Europa abordan o futuro do sector en Baiona

Turismo de Galicia cualifica o evento de "gran oportunidade" para situar a comunidade como referente europeo

Representantes de máis de 20 clubs e asociacións náuticas europeas participarán a partir deste venres e ata o vindeiro domingo no Galicia, Atlantic Destination, un congreso que se celebrará na localidade pontevedresa de Baiona e que ten como obxectivo abordar a situación actual dun sector en auxe.

Trátase do primeiro congreso de turismo náutico que se celebra en España, e o programa inclúe conferencias, charlas, mesas redondas e workshops no Parador Nacional de Baiona, ademais dun percorrido turístico por distintos puntos de ría de Arousa.

Outro dos obxectivos é dar a coñecer o potencial de Galicia para atraer a este tipo de visitantes, xa que este sector xerou no que vai de 2017 un volume de negocio duns 2 millóns de euros na comunidade.

"Nos últimos 5 anos pasamos de 7.000 embarcacións en tránsito en 2013, ás preto de 9.000 que se rexistraron xa neste 2017", sinalou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, durante o acto de presentación do congreso, organizado conxuntamente por Turismo de Galicia, Portos de Galicia e o Monte Real Club de Yates.

"Temos ante nós un potencial de mercado extraordinario que non queremos nin podemos deixar escapar", insistiu Durán, co que coincidiu o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez: "Impulsar o turismo náutico é un reto de futuro que hai que asumir para seguir avanzando na xeración de riqueza, emprego e benestar".

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, cualificó o evento como "unha gran oportunidade para situar a comunidade galega como referente europeo en turismo náutico". Ademais, recordou a aposta por alcanzar a excelencia por parte dos profesionais do sector náutico en Galicia, como así o testemuña o feito de que, de cada 10 instalacións náutico-deportivas coa Q de Calidade que existen en España, 6 estean en Galicia.

Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Irlanda, Países Baixos, Portugal e Reino Unido son algúns dos países de orixe dos 22 clubs e asociacións que participarán no congreso náutico. 

Comentarios