Cine con raíces chairegas

Simón da Torre e Xoel Roupar son caras novas da sétima arte, e entraron ao grande cun papel en '22 ángeles', a película dos nenos que levaron a América a vacina da variola. O primeiro deles tamén ven de participar nun capítulo da serie 'O final do Camiño'
Simón e Xoel, en Roupar
photo_camera Simón e Xoel, en Roupar

A sétima arte ten claros e recoñecidos exemplos de protagonistas chairegos diante e detrás das cámaras. A vilalbesa Cristina Castaño, o guitiricense Xosé Barato ou Luis Tosar, natural de Xustás, en Cospeito, son proba delo a un lado, como o son ao outro o director Jorge Coira ou o meirego Andrés Goteira, a piques de estrear a súa primeira película. Pero estes nomes non son os únicos, porque xa se está a crear unha canteira que chega pisando forte.

Con raíces no concello de Xermade, onde vive gran parte da súa familia materna, os irmáns Simón da Torre e Xoel Roupar —como se dan a coñecer cos seus nomes artísticos— entraron hai pouco no mundo do audiovisual, pero fixérono pola porta grande.

Levan tres anos facendo teatro no colexio da Coruña no que estudan e participaron nun anuncio de Gadis xa hai tempo. Pero estes últimos meses foron unha revolución aos seus once anos.


Os dous irmáns, de once anos, esperan participar en máis rodaxes para continuar converténdose noutros diante da cámara


Apuntáronse ao cásting de 22 ángeles, a película dirixida por Miguel Bardem baseada nunha historia real sobre a expedición que levou a vacina da variola a América. E conseguiron entrar no barco para zarpar cara o mundo do audiovisual convertidos nuns deses 22 nenos que axudaron a erradicar a enfermidade ao outro lado do Atlántico.

"O que máis nos gustou foi coñecer xente e coñecer outros lugares", contan dous rapaces que non teñen medo das cámaras e que gozaron dunha experiencia que para eles, din, "é como un xogo", que os levou durante 15 días por diferentes localizacións de Galicia, Valencia ou Madrid.

"Nada foi moi difícil", din coa naturalidade da súa idade, sen mostrarse impresionados. Compartiron reparto con moitas caras anónimas e con outras recoñecidas, como María Castro, Pedro Casablanc e Octavi Pujades.

"Pasámolo moi ben. Miguel Bardem xogaba ao fútbol con nós e facianos bromas. Todos nos coidaron moito", explican. Simón era un neno máis no barco, pero Xoel conseguiu un papel protagonista como Rufián, un dos nenos que enferma na travesía.

"Co resto dos nenos moi ben, sobre todo cos que facían de protagonistas porque eran cos que pasabamos máis tempo", din, e recoñecen que desa rodaxe saíron amigos cos que manteñen o contacto e anécdotas. Relatan os mareos no barco ou os trucos para vomitar diante da cámara.

E do mar, a Compostela. Simón acaba de saír no quinto capítulo de O final do Camiño, a serie que narra a construción da catedral de Santiago. El é Odamiro, o cura de Antealtares, cando era neno. De maior este personaxe interprétao Morris, que comparte espazo con actores como Antonio Velázquez, Asier Etxeandía ou Javier Rey. "Gravamos en Silleda. Grávase en castelán, porque se emite en TVE1 e na TVG ao mesmo tempo, e para a versión galega dobráronme a voz", di Simón. "Iso si foi raro".

"Recoñecémonos e gústanos vernos despois na tele", din os novos actores, que aseguran que lles gustaría seguir converténdose noutros diante da cámara, aínda que é algo que queren compaxinar con outras profesións, como a de "construír robots", di Xoel.

"Os compañeiros de clase din que o fixemos moi ben, pero para facer a pelota", bromean dous irmáns de cine, que xa se estrearon na gran pantalla.

Comentarios