Cinco voluntarios integran a nova agrupación chairega de Protección Civil

Os compoñentes empezarán a realizar diferentes traballos a partir do mes de maio, unha vez que dispoñan dos medios necesarios
Charla informativa sobre Protección Civil, en Xermade.
photo_camera Charla informativa sobre Protección Civil, en Xermade.

O Concello de Xermade disporá a partir do mes de maio dunha nova agrupación de Protección Civil, composta inicialmente por cinco voluntarios, que vén sumarse ás que xa operan desde hai anos con gran repercusión nos municipios limítrofes de Vilalba, Guitiriz ou As Pontes.

Precisamente o coordinador da agrupación vilalbesa, José Franco, que desde hai uns meses é tamén o presidente da Federación Provincial de Agrupacións de Protección Civil, acudiu a unha charla informativa convocada na biblioteca municipal de Xermade para animar aos veciños a sumarse a este proxecto.

Neste encontro, ao que acudiron máis dunha ducia de interesados en engrosar as filas desta agrupación de recente creación, tamén estiveron dous voluntarios de Vilalba, que trasladaron aos presentes algunhas das tarefas que están a desenvolver desde hai anos, así como a importancia da formación e a riqueza persoal que supón axudar desinteresadamente aos demais a través dos labores que realiza esta entidade.

A agrupación xermadesa, que partiu dunha iniciativa do alcalde, Tomás Rodríguez, que tamén estivo presente nesta charla informativa, pretende comezar a funcionar canto antes, pondo de prazo o mes de maio para operar, e á espera de recibir máis solicitudes de xente interesada en unirse á entidade.

E é que, aínda que algúns dos membros xa realizaron o pasado ano o curso básico requirido, outros deberán cumprimentalo durante este ano para poder empezar a traballar.

Así, e á espera de recibir un vehículo no que poder desprazarse e o equipamento e vestiario necesario que lles entregará a Xunta, os cinco voluntarios que integran a agrupación desexan xa poder colaborar coas actividades que promova o Concello, así como botar unha man na medida das súas posibilidades á Garda Civil, nos operativos que se solicite a súa presenza.

Comentarios