Cinco mozos vilalbeses dirixirán o Centro Cultural

Integrantes de la nueva directiva del Centro Cultural vilalbés. m.roca
photo_camera Integrantes de la nueva directiva del Centro Cultural vilalbés. m.roca

A continuidade do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, creado nos anos 60, está asegurada grazas á aparición no último momento dunha nova directiva, que se fará cargo desta institución tras a dimisión da anterior logo de estar máis dunha década á fronte.

A recentemente constituída directiva -presentada o martes en asemblea extraordinaria- está encabezada por Juan Manuel Cancio, que exercerá de presidente, acompañado por Hugo Criado, que será o secretario, Ernesto Ares, tesoureiro, Roberto Rei e Diego Baamonde. As idades dos directivos e o feito de que se estreen nestes cargos confirman a renovación que levará a cabo no Centro Cultural e Recreativo vilalbés durante os próximos catro anos.

«Queremos darlle un aire novo ao funcionamento diario, encher o centro de xente cantos máis días ao ano mellor, respectando actividades que xa se facían e organizando algunha máis para a mocidade», explicou Juan Manuel Cancio.

Para iso, a nova directiva -aínda en funcións- xa empezou a dar os primeiros pasos, que se concretarán nas primeiras semanas na captación de socios, principalmente dos máis novos, e en renovar o servizo de cafetería, o único que estará aberto ao público en xeral. A xestión desta, que facía directamente o Centro Cultural, pasará a ser en réxime de aluguer. Así, farase cargo dela Roberto Rey, responsable dun bar na localidade, para «ofrecer un servizo profesional e ben atendido, que axude a dinamizar o centro», comentou Cancio.

As instalacións atópanse actualmente pechadas para realizar o inventario da cafetería. «Todo o que hai nela, material e bebidas, pertence ao centro e o que queira facerse cargo dela ten que compralo», explicou o presidente. Aproveitarase este peche para realizar unhas pequenas obras de remodelación e unha limpeza xeral e está previsto que se reabran o próximo 5 de marzo, coincidindo coa celebración do tradicional baile de Entroido.

Outro dos obxectivos será aproveitar ao máximo as instalacións, xa que se trata dun edificio de tres plantas. «O terceiro piso está baleiro e estamos a pensar facer algo nel como podería ser, por exemplo, unha sala de xogos», apuntou Cancio. Ademais, tamén están dispostos a «interactuar» con outras asociacións locais, cedendo as instalacións para os seus actos.

As instalacións están pechadas para facer unhas reformas e está previsto que se abran o 5 de marzo co baile de Entroido

Comentarios