Cinco bandas actuarán para os internos dos cárceres galegos

Armonia2 achegará a 'A Compañía do Ruído', 'Bakin Blues Band', 'Mad Martin Trío', 'Los Vagos de Lalín' e 'Gold & Col' aos centros de Pereiro de Aguiar, Teixeiro, Bonxe, Monterroso e A Lama, respectivamente

O proxecto Armonia2 levará a próxima semana aos cárceres galegos a música de cinco bandas que vivirán a experiencia de tocar dentro dun centro penal e trasladarán a "solidariedade da sociedade" aos internos.

Así o dixo este xoves Andrea Verdú, a impulsora da iniciativa, que naceu por mor dunha experiencia propia como profesora de canto no cárcere lucense de Monterroso.

Por mor desta iniciativa, Verdú expuxo a posibilidade de "levar esta experiencia a outras bandas e a outros centros", un proxecto do que naceu o ciclo Armonia2, que se celebrará do 25 ao 29 de setembro nos cárceres de Pereiro de Aguiar, Teixeiro, Bonxe, Monterroso e A Lama.

O proxecto comezará o vindeiro luns, día 25 de setembro, coa Compañía do Ruído, que actuará en Pereiro de Aguiar (Ourense). O martes será a quenda de Bakin Blues Band, en Teixeiro (A Coruña); e o mércores Mad Martin Trío estarán en Bonxe (Lugo).

Os Vagos de Lalín actuarán en Monterroso o xoves 28 de setembro, e o ciclo pecharano Gold & Colt, que levarán a súa música ata A Lama (Pontevedra) o venres.

COMPROMISO DA SOCIEDADE

O responsable de programas do centro penal de Monterroso, Víctor Fragua, destacou o "esforzo" e "traballo" necesarios para levar adiante este proxecto, que mostra o "compromiso da sociedade" cos cárceres.

Do mesmo xeito, Fragua fixo fincapé na boa acollida que este tipo de iniciativas ten entre os internos, que reciben "a solidariedade" desde fóra do cárcere.

Xaime Barreiro, compoñente de Los Vagos de Lalín, puxo de relevancia a importancia de "tocar para xente que non ten acceso a este tipo de expresión cultura" e adiantou a "expectación" que senten os músicos por saber como irá esta experiencia.

A iniciativa completarase cun proxecto audiovisual que recollerá entrevistas e impresións dos músicos participantes antes e logo de actuar para os internos.

Comentarios