Cifuentes asegura que non está en ningunha carreira pola sucesión de Rajoy

"Eu non vou ser candidata de nada. Son presidenta da Comunidad de Madrid, que é unha gran honra", destaca a dirixente política
Feijóo y Cifuentes, al inicio del Comité Ejecutivo Nacional del PP
photo_camera Feijóo y Cifuentes, al inicio del Comité Ejecutivo Nacional del PP

A presidenta da Comunidad de Madrid, Cristina Cifuentes, asegurou este luns que Mariano Rajoy é un líder "apoiado de xeito practicamente unánime no PP" e que ela non está en ningunha carreira pola súa sucesión.

Cifuentes fixo estas declaracións aos xornalistas á súa chegada á reunión do Comité Executivo Nacional do PP que preside Rajoy na sede nacional do partido.

A presidenta da comunidade madrileña, que chegou a esa sede andando e agarrada de brazo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi preguntada pola petición dun membro da dirección do PP asturiano de que, se se repiten as eleccións, Rajoy non sexa o candidato e ese posto o ocupe ela.

"Eu non vou ser candidata de nada. Son presidenta da Comunidad de Madrid, que é unha gran honra", sinalou antes de explicar que ten "moitísimo traballo en Madrid" e agora máis ao asumir a responsabilidade de presidir a xestora do PP na comunidade tras a dimisión de Esperanza Aguirre como presidenta do partido na rexión.

Nesa liña insistiu ao subliñar que o PP "ten un líder que se chama Mariano Rajoy e que é apoiado de xeito practicamente unánime por todo o PP".

"Eu —reiterou a presidenta da Comunidad de Madrid— non estou absolutamente nesa carreira".

Comentarios