Centos de evacuados por un lume en Gran Canaria que xa calcinou unhas 2.000 hectáreas

O lume ten potencial para afectar "a varios miles de hectáreas máis"

Unhas 400 persoas foron desaloxadas este mércores das súas vivendas no cume de Gran Canaria por un incendio forestal que avanza con rapidez, que xa queimou unhas 2.000 hectáreas e que ten potencial de afectar "a varios miles de hectáreas máis".



O presidente do Cabildo de Gran Canaria, Antonio Morales fixo no Centro de Coordinación Insular de Urxencias (Cecopin) un primeiro balance deste incendio, que se declarou pouco antes das 14.00 horas na contorna da rotonda de acceso á poboación de Tejeda e que progresou de forma "moi agresiva".


O avance do lume, que cercou o Parador Nacional da Cruz de Tejeda, con consecuencias aínda descoñecidas para as súas instalacións (tamén foi evacuado a tempo), fixo temer aos servizos de socorro pola seguridade dos veciños dos barrios de La Cruz, Lagunetas, Cueva Grande e Caleteras.

Todas as vivendas deses núcleos foron desaloxadas e fíxose un chamamento a toda persoa que se atope no cume a que a abandone e se afaste do lume, cuxo fronte ten xa unha ampla extensión e está a xerar chamas duns 25 metros de altura.

Morales recoñeceu que lles sorprendeu a forza coa que progresou o lume, que atopou condicións de vento propicias para pasar de zonas de monte baixo a piñeirais con moito combustible.

O Cabildo pediu axuda de medios ao Goberno de Canarias e do Estado, que xa se atopan traballando sobre o terreo, nunha situación de "nivel 2" (incendio de nivel autonómico).

Nestes momentos, sobre o terreo están a traballar efectivos dos grupos Presa (a elite das unidades forestais da illa), membros de Protección Civil de varios concellos e foi mobilizado persoal da Unidade Militar de Urxencias (UME), ofrecido pola Delegación do Goberno en Canarias.

Desde o aire, atacan o lume cinco aeronaves: catro helicópteros forestais do Cabildo de Gran Canaria, un do Goberno canario, outro do Ministerio de Medio Ambiente e un avión antiincendios do Estado desprazado desde La Gomera.

O presidente insular subliñou que o lume é moi agresivo e ten potencial para queimar "varios miles de hectáreas", aínda que confían en que a partir da noite deste mércores se produza un cambio nos ventos que axude ao dispositivo de extinción, ao que mañá se unirá outra unidade da UME desprazada como reforzo desde Tenerife.

Comentarios