Chus Lago: ''Sentín que chegaba ao Polo sur un século tarde''

Chus Lago sorprendeuse, ao converterse na primeira muller española en alcanzar o Polo sur xeográfico, pola gran actividade humana que había alí e comentou, ao chegar a Vigo, que tiña ''a sensación de chegar un século tarde''.

Lago, concelleira de Medio Ambiente no Concello da súa cidade natal, foi recibida no aeroporto de Peinador polo Alcalde, Abel Caballero, familiares e amigos.

En declaracións aos medios, a deportista recoñeceu sentirse ''cansada'' pola longa viaxe en avión e o cambio horario, pero ''satisfeita'' por conseguir o seu obxectivo.

No entanto, comentou que, logo de 58 días de travesía pola Antártida, o que atopou non era o esperado.

Visión da Antártida

''Sorprendeume -dixo- ver unha máquina quitaneves. é como un barrio industrial, había vehículos estraños movéndose, edificios, ruído por primeira vez en dous meses, avións aterrando, máquinas perforadoras. Quizais é pola miña concepción romántica, pero me deu a sensación de que chegaba un século tarde'', explicou.

Dos 58 días de travesía, Lago destacou que ''o máis duro foi ter que seguir o mesmo patrón todos os días'', pois ''tiña que facer 25 quilómetros ao día, porque, se non, acabábase a comida''.

Tamén se referiu a aspectos psicolóxicos, moi importantes nestas probas, porque, ''cando a paisaxe sempre é o mesmo, o ceo sempre é o mesmo e non pasa nada, todo o que ocorre é dentro da túa cabeza''.

Unha proba mental

Tras insistir en que ''foi durísimo a nivel mental'', explicou que non puidera escoitar música e tívenme que ir inventando historias e proxectos, ir imaxinando cousas'', dixo.

Sobre as súas perspectivas de futuro, informou que, de momento, pasan por volver traballar no Concello de Vigo, dado que non ten máis expedicións no punto de mira.

''Por primeira vez na miña vida -concluíu-, non me traio un próximo proxecto, isto en principio colmou as miñas aspiracións, aínda que se que son un saco sen fondo e non vou dicir 'nunca máis', pero, por agora, si''.

Comentarios