Chantada busca atraer máis turistas cun novo vídeo promocional

O documental recolle imaxes de lugares emblemáticos e tradicións propias do municipio
El vídeo promocional de Chantada fue presentado en el auditorio municipal en presencia del alcalde
photo_camera El vídeo promocional de Chantada fue presentado en el auditorio municipal en presencia del alcalde

O Concello de Chantada promoveu un vídeo que utilizará co obxectivo de promocionar e potenciar os valores turísticos da localidade. O produto final componse de dous minutos e 55 segundos de imaxes características de Chantada, unidas baixo o slogan 'Só faltas ti', que pretende atraer a un maior número de visitantes á vila da Asma.

O vídeo de promoción foi gravado e editado pola empresa Pinancho Audiovisuais. O seu director é David Vázquez, que realizou o seu traballo por encargo da concellaría de turismo, cuxa titular é Pamela Fernández Águila.

Vázquez utilizou drones e empregou a técnica coñecida como 'slider', que consiste en captar planos en movemento, para poder desenvolver o seu labor. O vídeo vai realizando un percorrido por Chantada, mostrando algúns dos seus lugares máis emblemáticos e ensinando as súas tradicións e costumes. Comeza lento e aumenta de velocidade segundo avanza.


O vídeo foi realizado pola empresa Pinancho Audiovisuais, cuxo director é o coñecido chantadés David Vázquez


As imaxes arrincan nas ribeiras e terminan na cima da serra do Faro, pasando antes por diferentes puntos de Chantada. Os case tres minutos acompañados de música circulan polo centro histórico do municipio, levan ao espectador a través do paseo fluvial, descobren o patrimonio románico da zona e abren o apetito con imaxes de cocidos ou empanadas. Só ven persoas nas escenas relacionadas co Entroido Ribeirao e o folión de carros.

O anuncio fai diferentes chiscadelas a festas ou escenas de Chantada. A narrativa que se oculta detrás das imaxes explícase cun breve fragmento de vídeo no que aparecen dous patos achegándose. "A idea desa escena é que xuntando tódolos elementos do vídeo o resultado é Chantada", explica David Vázquez.

O slogan 'Só faltas ti' despide o vídeo, cunha clara invitación aos turistas para achegarse a coñecer Chantada. "Queriamos facer algo diferente. Como estamos a renovar a páxina web e as redes sociais pareceunos boa idea ter un vídeo turístico", valorou a concelleira de turismo, Pamela Fernández.

O traballo para promocionar Chantada, do cal se crearán fragmentos reducidos para unha maior difusión, vaise a emitir a través dos perfís dos que dispón o Concello nas redes sociais. Tamén poderá verse a través dun monitor no posto que a oficina de turismo terá instalado na feira do viño.

A presentación do vídeo, que destaca pola espectacularidade das súas imaxes, realizouse no auditorio municipal e contou con numeroso público, que aplaudiu a súa calidade.

Vídeo OFICIAL TURISMO CHANTADA 2017 from pinancho audiovisuais on Vimeo .

Comentarios