Cervo e Alcoa crearán unha senda verde xunto ao encoro de Río Covo

Onte deuse a coñecer o resultado das reunións mantidas nos últimos días entre o Concello de Cervo e a factoría Alcoa, co obxecto de crear unha senda verde nas inmediacións do encoro de Río Covo.

Finalmente as dúas institucións chegaron a un acordo, polo que en maio a firma americana comezará a realizar os traballos de roza e talla de árbores na zona. «Este encontro culmina varias reunións entre Concello e Alcoa que finalizan cun convenio polo que se rehabilitará un espazo para zonas verdes no contorno do embalse de Río Covo», explico Afonso Villares, alcalde de Cervo.

A superficie total sobre a que se vai a traballar ocupa unhas 10 hectáreas que pertencen a Alcoa. As primeiras actuacións a realizar consisten na talla dos eucaliptos da zona, así como a limpeza das matogueiras, todo iso correrá a cargo da firma americana. O Concello encargarase de realizar os labores de mantemento, así como crear «unha senda verde e rutas de sendeirismo que poñan en valor a zona», indicou Afonso Villares.

Outra das actuacións a realizar consiste na reforestación das zonas baleiras. Esas áreas serán repoboadas por plantas e árbores autóctonas co obxectivo de recuperar a natureza propia da zona. «Esta é unha moi boa iniciativa por dous aspectos. Por un lado crearanse novos lugares que poderán ser visitados polos turistas e, por outro, estamos mostrando unha conciencia medioambiental que é moi importante no día de hoxe», explicou Villares.

Comentarios