Centro Histórico organiza por sexto ano visitas guiadas por Viveiro

O éxito de edicións anteriores motiva a repetición desta actividade gratuíta durante a Semana Santa

A asociación comercial Centro Histórico de Viveiro organiza por sexto ano visitas guiadas pola cidade do Landro con motivo da Semana Santa. O guía profesional e historiador Jesús Martínez, especialista en historia popular de Galicia, será o encargado de conducir os itinerarios.

A iniciativa repítese debido ao gran éxito e aceptación que tiveron entre o público en anos precedentes. A organización comercial considera "moi interesante" ofrecer esta posibilidade de coñecer a cidade aos visitantes e veciños de xeito gratuíto.

O obxectivo é fomentar o coñecemento do inxente patrimonio cultural e artístico de Viveiro. A actividade potencia a difusión da historia vivariense e a súa repercusión en Galicia. "As visitas son a mellor ventá para coñecer o que somos e de onde vimos, toda a historia que encerran as nosas rúas, monumentos, arquitectura,... e para descubrir os encantos dun dos cascos históricos de máis sona da comarca".

As visitas serán ás seis da tarde o luns, martes e mércores. O itinerario do Xoves Santo será ás doce do mediodía e o do Venres Santo, á unha da tarde. O sábado de Gloria será ás cinco e media da tarde e o domingo de Resurrección, á unha da tarde. Os horarios fixáronse de maneira que non coinciden coas procesións e principais actos relixiosos para que as persoas interesadas poidan gozar de todas as actividades que desexen.

Comentarios