Cementos Cosmos negociará un novo Erte na fábrica de Oural

Terá unha duración de seis meses e será o terceiro expediente de regulación temporal de emprego que viva a planta sarriá

A empresa Cementos Cosmos negociará cos sindicatos un novo expediente de regulación temporal de emprego (Erte) para a fábrica de Oural para o próximo ano. Terá unha duración de seis meses e será o terceiro Erte que sufra a planta nos últimos dous anos. 

A fábrica ten en vigor ata o día 31 un Erte e a principios de 2016 a cementeira prevé iniciar as negociacións do novo expediente, cunha validez de seis meses á espera de coñecer como evoluciona a situación do sector, sinalaron fontes da empresa. 

Os dous anteriores expedientes na fábrica tiveron cada un unha duración dun ano e contaron cunhas condicións moi similares. O último Erte fixaba que os traballadores estarían un máximo de catro meses no paro e que o forno acendería dous meses ao ano. 

Cosmos conta na actualidade con menos de 20 empregados, os cales traballan repartidos entre a factoría de Oural e a canteira de Vilavella (Triacastela). Ata o ano 2012 a firma tiña uns 90 operarios, aínda que o persoal quedou reducida ante a aplicación dun expediente de regulación de emprego (Ere) a principios de 2013. Este supuxo o despedimento dunha trintena de persoas e o traslado doutros traballadores á fábrica coa que conta o grupo na localidade leonesa de Toral dos Vados. 

A estas medidas houbo que sumar, por mor da aprobación do primeiro Erte, outras extincións de contrato, de carácter voluntario e que presentaron as mesmas condicións do Ere. Fixéronse efectivas ao longo do pasado ano, cando os traballadores cumpriron os 55 anos de idade. 

ACENDIDO DO FORNO. Doutra banda, a empresa volveu pór en marcha o forno da planta de Oural para a produción de cemento especial. O aceso produciuse a pasada semana e prolongarase ata finais desta, informaron fontes de Cosmos. Segundo manifestaron, ao tratarse dun cemento especial a fábrica traballa en función do que o cliente precise.

O forno tamén estivo acendido este ano durante uns días no verán, afirmaron.

Comentarios