As sardiñadas serán en Covas ou Ribadeo e a verbena burelense, esta noite

A sardiña para a noite de San Xoán, entre os catro e os seis euros

O tamaño do peixe foi mediano e boa parte capturado entre Agarimo e Estaca de Bares
Sardina a la venta en O Almacén do Peixe
photo_camera Sardina a la venta en O Almacén do Peixe

A sardiña para esta noite de San Xoán está asegurada, xa que os barcos do cerco descargaron este mércores entre as lonxas de Burela e Celeiro sobre 5.000 caixas de peixe- cada unha contén entre 12 e 13 quilos- e aínda falta a sardiña da noite pasada, que se vende hoxe nas lonxas a primeira hora da mañá. O inconveniente é que o peixe en xeral non está sendo demasiado grande, aínda que por outra banda o prezo é asequible se se compara con outros anos, sobre 4 euros polo quilo da sardiña mediana e entre 5 e 6 euros a grande.

Aínda que boa parte do peixe descargado capturouse na a zona comprendida entre Cariño e Estaca, tamén houbo barcos que atoparon sardiña na costa máis oriental, preto de Ribadeo. Manolo Domínguez, Patrón do cerqueiro coruñés Cazador foi o que deu co peixe cando se atopaba de ruta, "capturamos sardiña xa no primeiro lance na bocana de Cariño". Este barco vendeu 300 caixas de sardiña en Celeiro "a un prezo de 5 a 18 euros cunha media de 50 céntimos por quilo de peixe". "Entre Burela e Celeiro vendéronse sobre 5.000 caixas de sardiña", dixo. Na zona traballaron ademais cerqueiros da comarca e a provincia da Coruña.

Tamén estivo en Ortegal o Ollo do Mar focense. O seu patrón, Alberto Rey, indicou que "todos os barcos pescaron, aínda que a sardiña é en xeral pequena, de 18-20 unidades por quilo, o que ao final se traduce en medias baixas de 6-7 euros por caixa, algúns lograron algo máis de prezo pero incluso houbo barcos con menos".

Hai que ter en conta que os cerqueiros contan cunha cota semanal de 6.000 quilos de sardiña que cada barco vai distribuíndo segundo os seus intereses e hoxe é o día máis forte para a venda da sardiña, con cotizacións que poderían aumentar.

Rei indica que aínda que os prezos son baixos "polo menos, a diferenza das últimas tempadas agora hai sardiña no mar, é pequena pero se atopa distribuída por distintos lugares, o que é bo sinal para esta tempada", puntualiza.

PESCADERÍAS. A abundancia de sardiña nas lonxas mariñás, xunto co tamaño mediano do peixe deixouse sentir no prezo á baixa nas pescaderías, que oscila entre os 4 e 6 euros, dependendo do tamaño. Na maioría das pescaderías da comarca vendeuse sardiña poxada en Burela e Celeiro. No supermercado con peixe fresco o prezo foi moi similar, dependendo da procedencia e calidade da sardiña.

Na pescadería A Pastoriza de Burela o quilo de sardiña mediana vendíase onte a 4,50 euros quilo, "é sardiña que se vendeu esta mañá na lonxa de Burela, dunhas 20 unidades ou quilo", explicaban. As pescaderas indicaban ademais que en lonxa houbo moita sardiña con algunha caixa que se pagou a 28,90 euros. "Aínda que a maioría foi de peixe pequeno sen moita graxa". "Tamén houbo sardiña que marchou para A Coruña", engadían.

No Almacén do Peixe a sardiña grande, dunhas 10 pezas por quilo, vendíase onte a 5,50 euros. "É sardiña de Burela elexida porque a maioría do peixe á venda foi mediano", explicaban. Nesta pescadería esperaban para hoxe o día forte . "Temos máis de 120 quilo de sardiña encargados".

Comentarios