Ceferino Díaz presenta o 14 en Vilalba a súa obra sobre os últimos 25 anos de Galicia

A casa da cultura de Vilalba acollerá o próximo día 14, venres, a presentación do libro ‘Autonomía e modernidade en Galicia', coordinado polo coñecido profesor galeguista e parlamentario socialista Ceferino Díaz. O acto, que se celebrará a partir das 20.30 horas, está organizado polo Foro Vilalbés de Debate e Cooperación Martín A. Seco Cendán.

Esta convocatoria contará coa presenza e intervención de varias personalidades de distinta opinión política. A presentación do acto correrá a cargo do ex alcalde de Vilalba e actual parlamentario galego do Partido Popular Agustín Baamonde. A continuación, intervirán o profesor e ensaísta vilalbés Antón Baamonde e o profesor e ex conselleiro de Agricultura da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE Francisco Sineiro. Ambos participaron na elaboración do libro. Ceferino Díaz será o encargado de pechar o acto.

A obra ‘Autonomía e modernidade en Galicia' conta coa participación de numerosos personaxes que tratarán diferentes materias no desenvolvemento dos últimos 25 anos de Autonomía de Galicia. Este libro, xunto co anterior publicado por Ceferino Díaz, ‘A esforza conquista da autonomía', pecha unha serie de publicacións sobre a actual historia da comunidade e o proceso autonómico visto desde o punto de vista dun histórico militante do galeguismo e socialismo.

Comentarios