Causa un accidente mortal por falar polo móbil e condénana a 20 meses

A condutora saltouse un stop nun cruzamento perigoso de Vilalba sinalizado ata 12 veces ► O fiscal pedía catro anos de cárcere, pero as partes chegaron a un acordo e non irá a prisión
Estado de los vehículos tras el accidente, en el barrio de O Santo
photo_camera Estado de los vehículos tras el accidente, en el barrio de O Santo

Unha muller que provocou un accidente mortal en Vilalba por conducir falando polo móbil aceptou este luns unha condena de 20 meses de prisión. O fiscal pedía inicialmente catro anos de cárcere, pero a acusada recoñeceu os feitos e as partes chegaron a un acordo, polo que a muller non terá que ingresar en prisión se non volve delinquir en tres anos. 

O tráxico accidente –que lle custou a vida a un mozo de 30 anos de idade– produciuse sobre as nove da noite do 26 de xuño de 2015, á altura do quilómetro 1,100 da LU-120, no barrio vilalbés do Santo. A acusada conducía o seu turismo ao mesmo tempo que falaba polo seu teléfono móbil, "infrinxindo desta forma as máis elementais normas que teñen que respectarse cando se conduce, para circular atentamente en todo momento ás circunstancias do tráfico e garantir a seguridade dos demais usuarios da vía".  Segundo explicou o fiscal, como ía "distraída", a muller saltouse un stop nun cruzamento e fíxoo ademais a unha velocidade demasiado elevada, "facendo caso omiso aos doce sinais verticais" que avisaban da existencia dun cruzamento. 

Estes sinais limitaban a velocidade, primeiro a 80 e despois a 50 quilómetros por hora. Ademais, avisaban da existencia de bandas sonoras e da proximidade dun cruzamento no que a muller tiña que ceder o paso. Uns metros antes da intersección había incluso un panel rectangular de grandes dimensións, de cor amarela intenso, con luces nas esquinas e letras vermellas de gran tamaño nas que se podía ler: "Atención, cruce perigoso". 

O accidente custoulle a vida a un mozo de 30 anos, veciño de Lugo. A acusada pasará dous anos co carné de conducir retirado

O ministerio público recalcou que a sinalización era "clara, expresa, reiterada e perfectamente visible, sen ningún tipo de restrición visual que impedise ou dificultase a súa percepción para a acusada". Aínda así, a muller non minorou a marcha ao chegar ao cruzamento e saltouse un stop, polo que chocou de forma frontolateral con outro turismo, que circulaba correctamente pola LU-120. 

A acusada non realizou ningunha manobra evasiva e embistió ao outro coche á altura da porta do condutor. A potencia e a forza do impacto fixeron que este turismo saíse proxectado e chocase contra un petril de formigón, que lle fixo rebotar e regresar de novo á calzada. 

O condutor do turismo que recibiu o golpe –un mozo de trinta anos, veciño de Lugo– sufriu "traumatismo en múltiples vasos sanguíneos do tórax". O mozo foi socorrido nun primeiro momento polos veciños do barrio, ata que chegou a ambulancia e foi asistido polo persoal sanitario. Con todo, as lesións que presentaba eran tan graves que finalmente faleceu. 

CAUSAS. A acusación pública recolleu no seu escrito de acusación que o accidente se produciu "polo actuar neglixente e desatento da acusada polo uso do teléfono móbil durante a condución, irreflexión e lixeireza que non lle permitiu valorar o perigo da situación nin a presenza sorpresiva doutro vehículo e, en consecuencia, poder reaccionar e evitar a colisión". 

A muller, que sufriu feridas leves, foi acusada dun delito de homicidio imprudente e o fiscal, ademais de pénaa cárcere, solicitou que lle retirasen o carné durante seis anos. As partes tamén chegaron a un acordo neste punto e, finalmente, a muller quedará sen permiso de conducir dous anos.

Comentarios