NGB confirma que a arbitraxe non é para todos

O presidente executivo de Novagalicia Banco, José María Castellano, confirmou hoxe a cinco representantes da plataforma de afectados polas preferentes na comarca do Salnés, que a arbitraxe non afectará a todos.

Esta resposta xerou mal estar entre os integrantes da comisión que esta mañá se reuniu na Coruña con Castellano, para intentar solucionar o problema dos clientes desta entidade que no seu día compraron este tipo de participacións, segundo indicou a Efe un portavoz desta plataforma.

Estes afectados permanecen desde hai dous meses encerrados no Concello de Sanxenxo onde establecen quendas durante as vinte e catro horas do día.

"Por unha banda estamos con tensión e por outra escépticos, porque a maioría de nós ten subordinadas que é onde mellor están as cousas", sinalou o portavoz.

As preferentes sufrirán unha quita do 50 por cento "e non todos van ser chamados á arbitraxe e aínda que é posible que despois de marzo poida haber algún cambio haberá que estudar recorrer a Consumo ou á vía xudicial", engadiron.

A noticia máis positiva esta relacionada coas subordinadas "porque nos dixo que nos devolverían en 90 por cento, pero despois chega o FROB e di outra cousa, estamos un pouco escépticos, se fose así sería unha boa noticia", concluíu o portavoz.

Comentarios