O goberno local estuda aprobar este ano axudas aos emprendedores

Case unha vintena de novos negocios iniciaron actividade en Vilalba en 2016

As licenzas de apertura, que caen con respecto ao ano anterior, son principalmente para comercios e oficinas
La Frutería fue uno de los negocios que se estrenó en 2016
photo_camera La Frutería fue uno de los negocios que se estrenó en 2016

Ao redor dunha vintena de negocios -o Concello concedeu 19 licenzas de actividade-, abriron as súas portas o ano pasado na capital chairega, unha cifra que non alcanza a de 2015 -concedéronse 31- nin a de 2014 -a máis alta, con 47-, pero que mostra unha aposta polo autoemprego, tal e como indica o axente de emprego, Gonzalo Hermida.

«Unha vintena para os tempos en que estamos non está mal. É unha cifra interesante, aínda que hai que ter en conta que moitos autónomos son forzados polo desemprego», indica o técnico local, que defende a necesidade de fomentar o emprendemento entre os máis pequenos. «Fáltanos esa cultura. Moitas veces valorar máis unha gran empresa ou ser funcionario, e ese cambio de mentalidade é cousa de todos, dá sociedade e do sistema educativo».

Entre os diferentes negocios que abriron as súas portas en 2016, hai unha variedade de apostas emprendedoras, aínda que unha gran maioría son pequenos comercios e oficinas. Só concedeuse licenza de apertura a un bar.

No sector comercial, abriu unha tenda de venda de froita, verdura e carne na Praza de San Xoán, outra de alimentación en Pintor López Guntín, unha frutería en Campo de Ponte e outra de alimentos para deportistas en Plácido Pena, que se trasladou aos poucos meses ás Pontes. Tamén iniciaron a súa actividade un negocio de exposición e venda de electrodomésticos e caldeiras na Avenida Terra Chá e unha zapatería na Rúa de Galicia.

Aos comercios, sumáronse unha oficina de mediación de seguros na Praza da Constitución e outra en Xosé María Chao Ledo, unha asesoría fiscal, laboral e contable na rúa Calvario e outra, con almacén de ferramentas, no polígono, onde tamén se instalou un almacén de mantemento de parques eólicos.

En 2016, ademais, concedeuse licenza de actividade para unha farmacia que se trasladou na propia rúa Galicia, e abriu un centro deportivo e unha axencia de transportes no polígono. Súmanse á lista un centro de ensino de idiomas en Basanta Silva, outro de psicoloxía e logopedia na mesma rúa e un centro de servizos de empresas de sistemas contraincendios en Domingo Goás.

Comentarios