Case todo o persoal do Balneario solicita a extinción dos contratos

Os traballadores colocaron pancartas en Guitiriz denunciando a súa situación e están á espera do xuízo, fixado para o mes de xullo
Una de las pancartas colocadas en Guitiriz
photo_camera Una de las pancartas colocadas en Guitiriz

A agónica situación do emblemático Hotel Balneario de Guitiriz non parece ter solución, o que levou á gran maioría dos seus 44 traballadores, tras acumular a falta de pagamento de catro nóminas e dúas pagas extra e levar máis de dous meses en folga, a solicitar a extinción dos seus respectivos contratos.

Os traballadores recorreron á vía xudicial tras fracasar a medicación no SMAC, xa que cumpren cos requisitos necesarios para iso. Levan máis de tres meses sen cobrar e antes tamén sufriran atrasos reiterados no pago das súas nóminas. O xuízo para resolver a reclamación, que de liquidarse ao seu favor recoñeceríalles unha indemnización por despedimento improcedente, está fixado para o próximo mes de xullo en Lugo.

A reiterada falta de información por parte da propiedade, a ausencia total de clientes -o balneario foi o último que deixou de funcionar tras quedar sen gasóleo e baleirar a piscina- e a falta de perspectivas de solucionar un conflito laboral ao que nos últimos días se sumou a venda de madeira do recinto, son algunhas das razóns que levaron aos traballadores a realizar esta solicitude.

E, á espera de que se resolva esta reclamación, o persoal apostou por iniciar unha nova campaña de concienciación veciñal, colocando distintas pancartas polo pobo, xunto á autovía ou en varios edificios.

"Solución xa, queremos cobrar", "Conde mais marquesa, a ruína da empresa", "Maderistas, os cartos para nós" ou "Queremos traballar, tamén cobrar" son algunhas das lemas que poden lerse nos grandes carteis, cos que buscan chamar a atención sobre un conflito que non parece estar máis preto de solucionar que cando se iniciou a folga, en marzo.

De feito, os traballadores aseguran que a propiedade do balneario segue sen comunicarse con eles e tamén foron moi críticos coa talla e venda dos piñeiros, preguntándose a que se vai destinar o diñeiro que se recadou con ela.

E non só están preocupados polo destino do diñeiro, senón tamén polo prexuízo que consideran que se lle está causando ao valor das instalacións, xa que, tal e como precisaban este mércores desde o grupo independente de Guitiriz, a cantidade de madeira retirada ata a data podería alcanzar as mil toneladas. O BNG tamén se sumou a estas críticas e uniuse ás moitas voces que piden que se constate a legalidade da talla.

Comentarios