Casa Macán cre que a empresa que se fixo con Deleite non ten garantías

A firma taboadesa di que a súa oferta está apoiada pola súa traxectoria e a súa facturación

A empresa Casa Macán formalizou un recurso contra a adxudicación á firma Leite Noso das marcas comerciais Deleite e Muuu, concurso que esperaba gañar a factoría situada en Taboada ao considerar que a súa proposta, 18.000 euros por baixo dos 670.000 da poxa gañadora, ten unha maior proxección de futuro.

Un dos principais argumentos, segundo puido saber este diario, é que Casa Macán considera que hai unha falta de garantía por parte de Leite Noso, unha sociedade constituída o 28 de agosto deste ano e rexistrada o 1 de setembro cun capital social de soamente 3.000 euros e que nin ten actividade empresarial nin empregados.

Pola súa banda, Macán argumenta no seu recurso que factura 7,5 millóns de euros ao ano e que traballa para grandes cadeas de alimentación, como Mercadona, Dia ou Eroski, ademais de terse comprometido a contratar a un mínimo de 40 traballadores da extinta empresa Alimentos Lácteos, expropietaria de Muuu e Deleite, e un máximo de 79.

A maiores, desde Casa Macán argumentan que planearan involucrar no seu proxecto de futuro en caso de lograr as marcas Muuu e Deleite a varias cooperativas lácteas co fin de darlle unha maior estabilidade ao sector.

En canto á oferta económica, Macán considera que é un tema menor en relación con todas as melloras incluídas na súa proposta, pois, é só un 2,7 por cento menor que a plica gañadora no concurso de adxudicación desas dúas firmas. Desde a empresa taboadesa non quixeron realizar declaracións, limitándose a dicir que esperan que as súas alegacións sexan atendidas.

Comentarios