Carmen Cabaneiro: "A muller levou adiante unha gran revolución que aínda non se valora"

A sala de exposicións do auditorio municipal Carmen Estévez da capital chairega acollerá, ata o luns día 6, a mostra 'Muller: rosa dos ventos', na que se recompilan un total de 50 traballos, entre cadros e esculturas, da artista pastoricense Carmen Cabaneiro.
Carmen Cabaneiro, xunto a unha das súas obras
photo_camera Carmen Cabaneiro, xunto a unha das súas obras

LEVA VENCELLADA ao mundo da arte unha ducia de anos, unha afección que compaxina coas clases de Filosofía que imparte no IES Santiago Basanta Silva de Vilalba. A artista chairega Carmen Cabaneiro, nacida na parroquia pastoricense de Reigosa e que na actualidade vive en Castro de Rei, amosa os seus últimos traballos nunha exposicións instalada no auditorio de Vilalba co apoio do Iescha, que poderá visitarse ata o próximo luns día 6.

Que hai detrás da mostra ‘Muller: rosa dos ventos’?

Numerosas preguntas que buscan respostas en torno á muller como suxeito existencial independente.

De cantas pezas consta?

Hai en torno a 50, entre cadros e esculturas en cerámica.

Canto tempo traballou nela?

Estiven inmersa nesta mostra os últimos dous ou tres anos.

Por que decidiu mesturar pintura con escultura?

O certo é que me sinto máis cómoda coa escultura, pero de cando en vez abúrrome e recorro á pintura, unha disciplina na que me xorden máis problemas técnicos, o que me obliga a seguir aprendendo. No día a día aparecen interrogantes e cada persoa emprega aquilo que máis lle interesa para resolvelos. Eu fágoo a través da arte, pero todas as variantes son igual de enriquecedoras.

O nome non foi escollido ao azar?

Non. A rosa dos ventos, o cadro central da mostra, tenta transmitir os diversos camiños que pode escoller o ser humano. Vou máis alá dos sexos, das apariencias, da raza. O importante é que cada un atope o seu camiño, o seu propio.

Hai elementos cotiás no seu traballo vencellados á muller aos que vostede lles deu outra significación? Cre que aínda non se valora de xeito suficiente o papel do sexo feminino?

Na mostra hai, por exemplo, verduleiros cheos de luces, unha paneira, un froiteiro que fala sobre os roles sociais. Considero que a muller levou adiante unha gran revolución, algo que non se lle recoñece historicamente, e que na vida práctica aínda lle fai atoparse con importantes atrancos.

Como cre que se poderían superar isto?

Unicamente a través da educación. A lei garantízanos dereitos e deberes, pero aínda seguen existinto, sen ir máis lonxe no mundo laboral e tamén na arte ou na filosofía, importantes desigualdades. Os medios de comunicación, a publicidade, marca uns estereotipos que son moi difíciles de rachar.

Intenta transmitir eses valores positivos entre os seus alumnos?

Dende a Filosofía faise un profundo fincapé nos dereitos humanos, na igualdade e liberdade. Os rapaces son receptivos, o problema é o inconsciente. Somos como esponxas, todos contribuimos, incluso as mulleres, a que sigan existindo estes atrancos.

E é doado compaxinar a arte coa ensinanza?

Para min si. Gústame traballar coa xente nova, e ademais é o meu medio de sustento. A verdade é que teño a sorte de facer o que quero.

Vivir da arte é imposible?

É aínda unha utopía, e máis no contexto de crise no que nos encontramos, xa que non se vende practicamente nada.

Para esta mostra conta co apoio do Iescha. Que supón esta asociación para vostede?

Valoro o traballo que desenvolven de dinamización da cultura nun contexto rural. De feito, a Chema Felpeto sempre lle digo que é o meu padriño artístico. Sempre me trataron con moito agarimo e animaronme a continuar con esta afección.

Hai máis xente á que agradecer o seu apoio?

Si, a Beatriz, que foi a que realizou o comisariado; a Juanjo, polas súas fotos, e ao Concello e ao persoal do auditorio pola súa axuda.

Despois de Vilalba, ten pensado presentar a mostra fóra da Terra Chá?

A intención é esa. Pero xa sería a nivel de galerías e en exposicións colectivas.

Expuxo algunha vez fóra de España?

Participei nunha exposición internacional en China que favorece o contacto entre Asia e Occidente. Ademais, amosei algúns traballos en Italia, pero non compensa, é máis ben unha cuestión de ego, xa que os gastos de desprazamento e os problemas coa retención en aduanas das obras complican máis que axudan.

Ten xa algún novo proxecto en mente?

O primeiro será limpar o taller para empezar a traballar de novo. Sempre me gustou moito a dimensión simbólica tanto na vida como na Filosofía. Así que unha das ideas que teño e traballar sobre símbolos, pero xa veremos unha vez que me poña o que sae.

Comentarios